Unha empresa do polígono industrial de Salvaterra demanda á Comunidade de Montes por unha parcela

O xulgado acolle esta semana o xuizo no que se volve a discutir a propiedade sobre Chan da Ponte

Salvaterra de Miño | Os tribunais de xustiza volverán a dirimir o conflito sobre o posible carácter veciñal do parque empresarial de Chan da Ponte en Salvaterra, despois de que unha empresa instalada nese polígono industrial presentara unha demanda contra a Comunidade de Montes de Salvaterra.

A empresa é propietaria dunha parcela vendida polo Concello de Salvaterra e demandou á comunidade veciñal despois de que ésta requirira á sociedade para que se abstivera de realizar traballos na parcela por considerala comunal da parroquia.

A empresa solicita que o Xulgado declare a parcela da súa propiedade. Pola súa parte, no mesmo proceso xudicial, a Comunidade de Montes solicita que se declare que a parcela forma parte do monte comunal.

Este xuízo é un novo capítulo no histórico conflito entre a Comunidade de Montes e o Concello de Salvaterra que se remonta xa aos anos 90. A mediados do século XX os montes comunais pasaron a ser xestionados polos Concellos, ata que nos anos 70 se iniciou a devolución dos montes en man común aos veciños en toda Galicia. No caso de Salvaterra, os veciños recuperaron todos os montes menos o de Chan da Ponte, despois de que o Concello se opuxera alegando que nese monte se ía desenvolver unha zona industrial e instalacións públicas como o cuartel da Garda Civil. O monte non foi clasificado e dende entón a Comunidade ven opoñéndose á venda de parcelas por parte do Concello.

Sobre estas liñas aparece a imaxe da entrevista a Arturo Grandal que o xornal A Peneira publicou en 2007 no Especial “Parque A Canuda”.

Para o Concello de Salvaterra, o monte Chan da Ponte nas últimas décadas supuxo fonte de grandes ingresos coa venda de parcelas. De feito, nun suplemento publicado polo xornal A Peneira (actualmente Foro A Peneira) coincidindo coa inauguración do Parque da Canuda, no ano 2007, o propio Alcalde naquel momento, Arturo Grandal, recoñecía que “o parque non lle costou ningún diñeiro ao concello, se temos en conta o que se ingresou da venta dos terreos do Comunal de Salvaterra que pertenecían aos comuneiros e veciños desta parroquia”.

A Comunidade de Montes e o Concello de Salvaterra xa se enfrontaron recentemente nun proceso xudicial por outra parcela en Chan da Ponte. Nese proceso, o Xulgado de Ponteareas considerou que a Comunidade non desmostrara o carácter comunal da parcela. Posteriormente, a Audiencia Provincial deu a razón á Comunidade de Montes, pero o recurso do Concello perante o Tribunal Superior de Xustiza revogou esa sentenza e rexeitou finalmente a petición veciñal.

Agora é unha empresa a que tomou a iniciativa e demandou á Comunidade, abrindo de novo o debate xudicial sobre outra parcela de Chan da Ponte e a súa posible condición de veciñal.

 

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.