“Unha broma que rematou en algo moi serio”

Alfonso Pato | Director do Festival de Cans

Alfonso Pato. Licenciado en Filoloxía Hispánica. Desenvolveu a súa carreira como xornalista e guionista de programas de televisión. Membro fundador do Festival de Cans e director do festival desde a súa primeira edición en 2004.

Que obxectivo te prantexabas o primeiro ano do Festival de Cans?

Pouco máis que facer unha broma un sábado pola tarde e parodiar un pouco o Cannes francés. Fixémolo con ganas de tomar unhas cervexas cos amigos e de facer unha actividade cultural no mundo rural. Pero todo tomou unha dimensión inesperada para ben. Desde a primeira edición foi un éxito que nin nos plantexabamos.

Cando te decataches que o Festival lle estaba quedando “ancho” a aldea de Cans?

Creo que desde a terceira o cuarta edición, vimos que o festival estaba tomando unha enorme dimensión. Nunca nos asustamos, pero sempre fumos moi prudentes co seu crecemento. Foi un crecemento sostido, pensado, meditado e sempre sen perder a esencia do que somos. Chegou un momento no que pensamos que o corpo nos medraba moito por dentro e podía rachar a camisa, mais decidimos re-coser a camisa e re-adaptala a nosa nova fisonomía. Penso que maduramos moito como organización á par que medrabamos como festival.

Ultimamente xa se veñen desenvolvendo varias actividades fora de Cans, sobre todo no centro de Porriño. Cres que ese é o futuro do Festival en canto ao lugar de instalación ou cres que pode trascender eses límites?

Desde que comezamos a medrar, o Festival tivo claro que tamén tiña que ter unha das súas partes no centro do pobo. Temos unha praza do Concello perfecta para actividades e un entorno de soportais histórico e único, aínda que ás veces non nos deamos conta. O Festival ten perfectamente estabelecido o seu epicentro en Cans e un día baixa ó centro do pobo. Pouco a pouco fumos introducindo unha filosofía nas actividades, que é tomar as prazas e dimensionar os espazos públicos: a praza do Concello, o Torreiro de Cans, o Parque do Río en Cans, cobran outro valor cando os chimpíns chegan alí e se multiplican as actividades nestes espazos. Cobran unha nova dimensión pública e ese é un obxectivo moi buscado.

Levas un montón de anos dirixindo, xstionando, animando cada celebración. Cres que se decidiras apartarte o festival poderia seguir crcendo igual?

Perfectamente. O Festival está nun punto de madurez organizativa, no que cadaquén foi asumindo responsabilidades en cada departamento e cunha certa autonomía nas decisións, sempre dentro dunha coordinación xeral. Ademáis fumos metendo xente nova pouco a pouco no núcleo central da organización, varios rapaces e rapazas que non pasan dos trinta anos e con capacidade para desenvolver o festival no futuro. Eu nacín en Cans, o Festival de Cans segue ilusionándome e é moi importante na miña vida, pero tamén teño outras cousas máis importantes na vida, co cal non debería pasar moito tempo sen que se prepare un relevo. O festival de Cans vai de ano en ano, e nunca se sabe como será todo dentro dun ano.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.