Un total de 14.727,62€ para axudas COVID en Ribadumia

Aprobadas pola Deputación Provincial de Pontevedra

Ribadumia | O pasado día 3 de agosto constituíuse formalmente a Comisión de Valoración para analizar e facer a correspondente proposta de repartición da axuda directa aprobada pola Deputación Provincial para aqueles sectores máis directamente afectados pola pandemia do Covid-19, da que ó Concello de Ribadumia lle corresponderon 14.727’62€ e cuias bases foron aprobadas en pleno extraordinario o 20/04/2021.

Logo da súa publicación no BOPP e rematados os prazos legais de alegacións das bases e de solicitude da axuda, formalizáronse 24 peticións (2 fóra do prazo establecido) que foron avaliadas nesa 1ª reunión da comisión, acordando facerlles o correspondente requirimento a 4 solicitantes por falta de documentación ou por estar esta incompleta.

Unha vez presentada esta, convocouse novamente a Comisión de Valoración para o día 11 co fin de realizar a proposta definitiva e elevala á aprobación da vindeira Xunta de Goberno municipal para que, logo de achegar as xustificacións necesarias, se poida proceder ó pagamento das axudas.

“Lle serán transferidos a cada un dos solicitantes que cumpriron os requisitos 669’44€”

Finalmente, a proposta realizada polos representantes de IR e do PSOE (non asistiu a esta reunión da Comisión de Valoración ningún representante do Partido Popular nin de Somos Ribadumia) suporá que lle serán transferidos a cada un dos solicitantes que cumpriron os requisitos 669’44€.

Esta cantidade, que vai axudar dalgunha maneira a aliviar a situación económica dos beneficiarios, queda supeditada, segundo as bases aprobadas, á correspondente xustificación do gasto e ó compromiso de pagar, de ser o caso, as débedas que poidan ter contraídas co Concello. Así mesmo, o seu pagamento queda tamén supeditado á recepción da citada axuda provincial de 14.727’62€, da que xa se pediu o adianto no pasado mes de xuño e da que se espera que se faga efectivo o ingreso nas vindeiras semanas.

Ampliación do prazo para servizos de documentación nas parroquias
Por outra banda, o Concello de Ribadumia decidiu ampliar o prazo con tres días máis de servizo debido á petición efectuada por varios veciños da parroquia que demandaban maior tempo para a busca da documentación necesaria para os cambios.

O servizo de axuda ós veciños nos trámites de modificación dos enderezo volta a estar no Centro Social de Leiro os días 16, 17 e 18 de agosto despois de que xa prestase os seus servizos entre o luns 2 ó venres 6 de agosto.

“O servizo de axuda ós veciños nos trámites de modificación dos enderezo volta a estar no Centro Social de Leiro os días 16, 17 e 18 de agosto”

O horario de atención ao público será o mesmo de 9.30 á 14 horas e o persoal de atención centrarase en aclarar dúbidas e facilitarlles os veciños o cambio de numeración tanto de cara ás institucións públicas como ás empresas privadas.

Recórdase a todos os veciños da parroquia que deben ir provistos da documentación necesaria para facer efectivo o cambio de enderezo. Polo tanto, é indispensable achegar copia do seu DNI e das facturas, recibos, contratos ou pólizas nos que deban cambiar a numeración, xunto coa correspondente autorización para que sexa o propio persoal municipal o que realice directamente o trámite vía telefónica ou vía mail.

Na parroquia de Leiro, este servizo tivo moi bo acollemento pola atención veciñal individualizada e exclusiva nesta materia. Na parroquia de Leiro xa foron atendidos ata o momento preto de dun centenar de veciños.

Outros artigos