“Un tiro para Méndez Ferrín”, un libro ‘fascinante’ sobre grandes autores da literatura galega

Un relato que acredita a amizade existente entre X. M. del Caño e o autor de "Arraianos"

Ourense | Edicións Embora sacou á rúa “Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias”. Trátase dun libro de relatos curtos, baseados en situacións vividas durante as últimas catro décadas por X. M. del Caño con grandes escritores, artistas e políticos galegos.

Isto permitirá que o lector poida aproximarse á pel e ao corazón de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Colmeiro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Carlos Casares, José Ángel Valente, Xesús Alonso Montero, Laxeiro, Manuel Prego de Oliver, Manuel María, Uxío Novoneyra, Antón Tovar, Chano Piñeiro, Pura e Dora Vázquez, Alfredo Conde, Graham Greene, Alfonso S. Palomares, Carlos G. Reigosa, Isaac Díaz Pardo, Enríque Líster, Manuel Fraga e Carlos Slim. Antón Riveiro Coello chama nun dos epílogos “a lectura dun libro xenial, escrito por quen tivo a sorte de estar aí, en momentos importantes da nosa cultura, a carón de recoñecidos artistas e destacados políticos”.

E subliña, a continuación: “O prestixio deste libro fascinante non está en desvelar certas intimidades, nin en amosar o xeito, ás veces un pouco torpe, co que se desenvolven as persoas que admiramos cando andan pola parte máis mundana das súas vidas. O verdadeiro ouro do texto está máis alá das zonas restrinxidas, acoutadas, que poden quedar nas marxes dunha entrevista ou dun encontro inesperado”.

Ramón Nicolás destaca no prólogo que se trata de “vivencias e experiencias, ben contadas e ben traídas, coa brevidade, concisión e claridade que esixen a profesión xornalística, a percorrer ecos e pegadas que no autor deixaron, en ocasións a xeito de semblanzas emotivas, como as referidas, a carón doutras prosas que reflicten situacións, por veces, surrealistas que Del Caño viviu”.

Pola súa banda, Ramón Caride repara en que, “seguramente, desmitificar é unha forma de mitificar doutro xeito. Sobre todo en Ourense –OU- onde a Ourensanía convive coa Oure-insania –véxase, a este respecto, o relato-non relato Marisco, tan de hoxe, só con mudar algún nome-, e máis nestes días abondo incertos”.

F. X. Fernández Naval lembra: “Seguín sempre con interese o traballo de Xosé Manuel del Caño en Faro. Aprendín, gocei e emocioneime cos seus libros de conversas con Antón Tovar e Xosé Luís Méndez Ferrín”. E decide secundar o modelo, para recuperar situacións similares que el mesmo viviu con Uxío Novoneyra e Ferrín, relacionadas con Ramón Otero Pedrayo e coa concesión dun premio de novela que rematou gañando.

Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias ten como punto de partida Retrincos, a obra máis pequena e fascinante de Castelao, que utiliza como modelo e referencia. O autor explica na introdución, que pretende ser “un libro con Castelao ao fondo”. Admite que, despois de tantos anos, aínda se segue deluvando os ollos ao lembrar os relatos que atesoura.

“Trátase dun Castelao brutalmente sincero. Coma unha caricia a contrapelo, para un nacionalista republicano, recoñece no relato ‘O inglés’ que, cando era neno, quixo matar por nacionalismo español”.

Historias con forza, sempre apegadas á pel do autor, coma “O retrato”, no que un home que ten ao seu fillo agonizante o pon a proba como médico, como persoa e sobre todo como debuxante; “Sabela” coloca as mans na cintura, a modo de regateira, e exclama no tardío reencontro co escritor, con bágoas nos ollos: “Meu bailador!”, ao lembrar as festas que compartiran en tempos mozos; e “Peito de lobo”, a xenreira que desatara no forzudo da vila ao sentirse caricaturizado, ata a sorna, co agravante de poñer o acento nunha ridícula espulla que o acomplexaba. Incluso chegou a perseguilo, para darlle o debido castigo. Pero aquela carraxe tiña data de caducidade.

Na súa senectude, cando lle minguaron as forzas, sentía nostalxia e lembraba melancólico aquel episodio. Ate o punto de achegarse a un forasteiro nunha procesión, para reivindicar a rexouba: “Ise éralle eu!”, murmuraba fachendoso.

O libro de X. M. del Caño arranca cun relato moi potente, “Un tiro para Méndez Ferrín”. Dalgún xeito, constitúe o selo ou a marca de auga que acredita e verifica a permanente amizade que mantiveron e manteñen acesa durante toda a vida, Del Caño co autor de Arraianos.

Hai que lembrar que estiveron xuntos no Padroado Curros Enríquez e noutros proxectos culturais, sociais e literarios, coma o fallo do “Premio Celanova, Casa dos Poetas”, a publicación do libro Voz e voto. Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no X Aniversario do seu pasamento e Conversas con Méndez Ferrín. Historia, literatura, nación (Xerais, 2005), entre outros moitos traballos e entrevistas. Ese conto reflicte unha situación vivida en Lugo en 1986, na casa de Ánxel Fole, uns meses antes do seu pasamento. O inesperado desenlace prodúcese fóra, dúas horas máis tarde.

Coloca a Manuel Colmeiro fronte a Castelao, que manteñen un intenso debate e disputa sobre arte, literatura, política e pintura, con rescaldos abrasadores que non logrou arrefriar o paso do tempo. Laxeiro decláralle unha amizade moi peculiar a Manuel Prego. Manuel María e Uxío Novoneyra, despois de descubrir xuntos a maxia da poesía, onda unha pena, no campamento de Parga, cando facían o servizo militar, resígnanse durante a última etapa da súa vida a ser “amigos na distancia”. Antón Tovar encheu unha longa época na cidade de Ourense, coas súas pantasmas, tormentos persoais, relixión, amores e desamores, a súa poesía e o compromiso político.

A caixa de lambetadas e o derradeiro plano inglés de Chano Piñeiro. Carlos Casares, fronte ao maleficio de marzo; Alfredo Conde, a lei do funil; Unha licenza poética de José Ángel Valente; a irmandade poética de Pura e Dora Vázquez; “máis caldo” para Xesús Alonso Montero; a morte de Monseñor Quijote; Alfonso S. Palomares, “despois de sempre”; Carlos G. Reigosa, a voltas coas zocas; Isaac Díaz Pardo, “ninguén de ningures”; os uniformes de Enrique Líster; as cacerías de Manuel Fraga; “agasallo involuntario” para o home máis rico do mundo; libros imposibles e libros para todo e para todos.

Estes relatos teñen de fondo, ou caldo de cultivo, as situacións vividas por X. M. Del Caño no Padroado Curros Enríquez desde os anos oitenta, a creación do “Premio Celanova, Casa dos Poetas”, a revista Follas Secas, a publicación dos libros Conversas con Manuel María (Xerais, 1990); Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado (Galaxia, 2005); Alfonso S. Palomares. La lucha por la libertad (Ronsel, 2005); Conversas con Méndez Ferrín. Historia, literatura, nación (Xerais, 2005); O misterio de Carlos G. Reigosa (Xerais, 2007); Memorias faladas. Xaime Quessada. Artista da xenialidade. (Nova Galicia Edicións, 2008); Conversas con Alfredo Conde. Xuízo, sentenza e condena (Ir Indo, 2009); O contencioso de Sargadelos. Isaac Díaz Pardo (Linteo, 2009), Ourense, Atenas de Galicia (Linteo, 2014) e un importante número de entrevistas e reportaxes literarios publicadas ao longo de tres décadas, ademais da coordinación do libro Fisterra. Relato curto en Galicia (Linteo, 2022).

O Libro revela algunhas das cousas que foron quedando no tinteiro, como dicía Díaz Pardo, cada vez que Xosé Manuel del Caño facía un libro, unha entrevista ou participaba nun acto literario, ao longo das últimas catro décadas. Moitas delas son reveladoras e axudan a comprender mellor a obra e a vida de grandes personaxes galegos.