
Ponteareas | A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas, informa que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia vén de notificar ao Concello de Ponteareas a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)
Segundo destacou Táboas, trátase dun importante fito que demostra a eficacia na xestión municipal “ao conseguir a primeira modificación do PXOM de Ponteareas. Hai anos que poderíamos ter un novo centro de saúde se o Plan Xeral contemplase solo dotacional pero temos un planeamento aprobado hai poucos anos, no 2021 que non cumpre nin cumpría as expectativas nin mínimas nin inmediatas do ano da súa aprobación”.
Para desbloquear esta situación o Concello de Ponteareas tivo que ir a unha modificación puntual “porque no PXOM aprobado polo anterior goberno non había ningunha reserva de solo das características que nos pedía a Xunta para un edificio de cinco mil metros cadrados”. Con todo, a edil destaca que o documento que organiza o crecemento urbanístico de Ponteareas non é estanco, “está vivo e fóra de lamentacións puxémonos a traballar para sacar adiante unha modificación que posibilita dotar a Ponteareas dese centro de saúde que tanto necesitamos”.
Un paso clave cara ao novo Centro de Saúde
A aprobación definitiva desta modificación permite un importante avance para que o novo centro de saúde sexa unha realidade o antes posible e “evidencia que con xestión diaria pódense sacar adiante importantes traballos”.
A responsable de Urbanismo explicou que, avaliando con detalle as posibilidades urbanísticas e cun profundo coñecemento das normativas e regulamentos vixentes, os plans xerais poden adaptarse ás necesidades actuais da veciñanza.
Grazas a esta modificación impulsada pola concellería, a Xunta de Galicia construirá un novo centro de saúde nunha parcela de 5.713 metros cadrados, situada dentro do ámbito de solo urbano consolidado, o que facilitará a súa execución.
Silvia Fdez. Táboas subliñou que esta actuación marca un antes e un despois na aplicación do Plan Xeral. “O PXOM é unha ferramenta viva que debe evolucionar coas necesidades reais de Ponteareas. Esta modificación é un exemplo de como se pode avanzar con rigor técnico, planificación e vontade política.”
Previsión orzamentaria
A alcaldesa, Nava Castro, adianta que os orzamentos para o ano 2026 xa contemplan unha partida de 600.000€ para a redacción do proxecto. A construción do novo centro de saúde faise imprescindible ante a antigüidade do actual edificio, de máis de 35 anos, e á imposibilidade de que puidese acoller novos espazos.
A intención do goberno é que o novo centro de saúde ponteareá incida na ampliación dos espazos dedicados á asistencia sanitaria.
En concreto, explica a concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, que na área de adultos, estará dotado con 9 consultas de medicina de familia (1 consulta máis); 11 de enfermería (1 máis); 2 consultas novas de docencia de MIR -Médico interno residente- e EIR -de enfermería-; 1 consulta de farmacia; unha área de saúde bucodental con 2 consultas (1 máis); despacho de traballador social; área de fisioterapia con consulta e ximnasio; sala de toma de mostras; 4 salas polivalentes (2 novas); 1 nova consulta para paciente infeccioso; zona de radiodiagnóstico; 2 consultas de matrona e sala de educación sanitaria.
A área pediátrica contará con 2 consultas de pediatría, 2 de enfermería pediátrica e unha nova sala para observación e tratamento e outra de paciente respiratorio.
O Concello de Ponteareas conta cun total de 22.957 tarxetas de identificación sanitaria, e o seu Punto de Atención Continuada (PAC) e Servizo de Atención Primaria (SAP) presta cobertura asistencial a 40.991 persoas dos concellos de Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario e O Covelo.
No futuro punto de atención continuada (PAC) haberá unha sala de reanimación e 2 novas de observación; 3 consultas de medicina (1 máis); 3 de enfermería (1 máis); pasará de contar con 5 dormitorios a 8 e 2 novos vestiarios. Ademais, o centro de saúde de Ponteareas disporá dunha base do 061 composta de 2 dormitorios, unha sala de estar e aseos.
Coa nova construción, o Servizo Galego de Saúde mellorará a unidade de saúde mental dotándoa de 2 consultas de psiquiatría, 1 de psicoloxía clínica, 1 de enfermería, 1 de traballo social, 1 de docencia e unha sala de actividades grupais. Ademais, tamén de nova creación, contarase con 4 consultas médicas especializadas.
Ampliación do cadro de persoal
O novo centro de saúde levará aparellada unha ampliación de persoal, pois este centro de saúde dotarase dun facultativo máis, un odontólogo e senllos profesionais en formación de Medicina de Familia e Comunitaria (MIR), e de Enfermería (EIR).
Así, o seu cadro de profesionais estará composto por 15 médicos, 3 pediatras, 1 farmacéutico, 15 enfermeiros, 3 técnicos en coidados auxiliares de enfermería, 8 prazas de persoal de servizos xerais, 2 odontólogos, 1 MIR, 1 EIR, 3 matronas, 3 fisioterapeutas, 1 traballador social e 2 hixienistas. Ademais, o PAC contará con 9 médicos e 9 profesionais de enfermería.
Deste conxunto profesionais, cómpre apuntar que 1 médico de familia, 1 médico de PAC e un pediatra acadaron a súa praza na convocatoria por concurso de méritos convocada pola Xunta.
A Unidade de Saúde Mental contará con 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 enfermeira especialista en Saúde Mental, 1 traballador social e 1 persoal de servizos xerais.
A construción do novo centro de saúde permitirá dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación galega que reside nesta área sanitaria, ao mellorarse as dotacións e infraestruturas dedicadas á atención asistencial no Concello.




