• Segue conectado
  • |

Un paso á fronte na cultura galega.

Ricardo Carvalho Calero Homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020

“Todo o mundo sabe que eu professo em matèria linguística as ideias tradicionais, as ideias de Castelão, e como estas ideias são contrárias às ideias que reinam no mundo oficial, no aspecto cultural, pois não tenho muito predicamento, ao parecer, dentro desas esferas.”

Club de lectura de poesía (2010)

 

Carvalho Calero

Fotografía tirada nos anos 30. [wikipedia.org]

A figura de D. Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 30 de outubro de 1910-Santiago de Compostela, 25 de marzo de 1990) foi controvertida e polémica, tal e como reflicten as palabras iniciais orixinarias do propio autor, mais o paso do tempo, fixo que unha evolución notoria na cultura galega permita que hoxe, no case cumprimento dos cento dez anos do seu nacemento, Galiza honre o seu labor intelectual, académico e social.

Feitos como as súas aportacións á historia literaria galega, a súa concesión como primeiro profesor e catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela (USC), ou a influencia dos seus pensamentos sobre o galego, fixeron que a Real Academia Galega (RAG) seleccionase a dito autor como homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020.

A pesar da longa cadea de méritos e vivencias que marcan a transcendencia vital de Carvalho Calero, froito da súa participación en múltiples institucións e entidades sociais e culturais, é destacable o punto de inflexión que para o mesmo supón o estalido da Guerra Civil, a raíz da cal ingresa en prisión ata o ano 1941 motivo da súa postura a prol do bando constitucional. Deste xeito pódese afirmar que Carvalho Calero foi vítima da guerra e das represalias da posguerra, sen embargo, nada diso impediu que o seu cometido chegara a bo porto. Así, tempo despois, no ano 1950 comeza a súa andaina no Colexio Fingoi (Lugo) da man de D. Antonio Fernández, coa pretensión de fomentar unha renovación pedagóxica vangardista. O centro mixto con ensinanzas modernas de Fingoi nace cunhas iniciativas moi avanzadas, significando para o autor unha fonte de liberdade educativa, cultural e económica. Carvalho Calero cumpriu á perfección co cometido inicial proposto para o centro, así, como profesor e director excepcional, dotou a este dunha relevante innovación pedagóxica e incrementou o interese dos seus e das súas discentes pola cultura galega. A docencia do autor estivo impregnada polos principios educativos da Institución de Libre Enseñanza (ILE), impulsada especialmente por Francisco Giner de los Ríos (fundador principal no ano 1876) e o seu alumno predilecto Manuel Bartolomé Cossío, quen se encargou de seguir fomentando o movemento tras o falecemento de Giner. Dito movemento pedagóxico concíbese como o máis importante a nivel europeo, e funcionou ata mediados dos anos trinta cando se veu prohibido polo fascismo español. No que respecta á metodoloxía imperante no centro, destaca a ausencia de libros de texto, as representacións teatrais que se levaban a cabo que tiñan orixe tanto en obras do propio autor como doutras personalidades destacadas como Castelao, as viaxes culturais ao mercado ou aos hortos, así como as clases musicais de gaita e canto, onde unha vez máis se poñía de releve a cultura de Galiza.

Mais este centro ademais de supoñer un alcouve de innovación educativa dentro do lóbrego horizonte do franquismo, tamén supuxo unha fonte de crecemento persoal e intelectual para Carvalho Calero, levando a cabo os seus primeiros libros de poesía e traballos inéditos sobre relevantes escritores e escritoras galegos.

Sen embargo o autor non só cultivou a poesía, e de dita etapa no Colexio de Fingoi consérvanse obras de toda tipoloxía literaria, destacando entre elas: Anxo da terra (1950), A xente da Barreira (1951), Sete poetas galegos (1955) ou Versos iñorados e ou esquecidos de Eduardo Pondal (1961).

É no ano 1965, cando o autor da por concluída a súa etapa no centro lucense de Fingoi, abríndose paso na ensinanza pública, concretamente, comeza a exercer no Instituto Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), ao mesmo tempo que emprende a docencia de Lingua Galega na universidade compostelá.

Así, aínda que os méritos de Carvalho Calero, grazas á súa sabedoría e bo facer intelectual son múltiples no seu transcurso vital, considérase fundamental homenaxear o seu paso polo Colexio de Fingoi, que deixou unha pegada inalterable que continúa a ser notoria na contemporaneidade manténdose as directrices docentes iniciadas polo autor no centro educativo.

Hoxe sorrí Galiza e milleiros de galegos que festexan agradecidos o incesante esforzo que Carvalho Calero impulsou a prol da nosa cultura, constituíndose como claro merecedor da honra que se lle concede e evitando que a súa esencia desapareza de entre nós.

 


Grado en Pedagogía pola Universidade de Santiago de Compostela.
Publicado o 1 Mai 2020.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies