Un outono de espectáculos con “Tea Trea” en Ponteareas

O Ciclo de Teatro Afeccionado promove o talento local en outubro e novembro

Ponteareas | O Concello de Ponteareas, no seu compromiso coa cultura e o fomento das artes escénicas, presenta o Ciclo de Teatro Afeccionado “Tea Trea 2025”, unha proposta que busca dar visibilidade ao talento local, promovendo a participación cidadá e o acceso ao teatro como ferramenta de expresión e cohesión social.

Este ciclo, que se desenvolverá entre os días 5 de outubro e 22 de novembro no auditorio municipal Reveriano Soutullo, contará coa participación de 8 grupos de teatro afeccionado procedentes de diferentes parroquias. Cada un deles ofrecerá ao público unha obra representativa do seu repertorio, abarcando xéneros que van desde a comedia clásica ata o drama contemporáneo.

A presentación oficial do ciclo tivo lugar hoxe no auditorio municipal coa presenza da alcaldesa, Nava Castro, e do tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez. Carrera que destacaron a importancia de apoiar as iniciativas culturais de base e o valor do teatro como motor de transformación social. Os grupos de teatro “Pena do Equilibrio”, “Noite Meiga”, “A Comuna”, “Pedra do Cabalo”, “Bambolina33”, “Todos xuntos”, “Os Serodios” e “Ponte Caneiro” subirán ao escenario o domingo 5 de outubro, o 12 de outubro, o 19 de outubro, o 26 de outubro, o 2 de novembro, o sábado 8 de novembro, o domingo 9 e o 22 de novembro”.

“Este ciclo non só celebra a arte escénica, senón tamén a dedicación, a paixón e o esforzo de quen o fai posible sen outro interese que o amor ao teatro”, sinalou o tenente de alcaldesa ao tempo que adiantou que as entradas serán gratuítas co fin de garantir o acceso a toda a cidadanía. “O teatro é unha expresión de arte, unha peza chave na estratexia de crecemento de Ponteareas que quere cultivar e prolongar a creatividade que está detrás das nosas señas de identidade e da nosa orixe. Por iso quero dar os parabéns á concellería de Cultura por esta nova edición de Tea Trea e tamén agradecer aos grupos participantes a súa xenerosidade porque con eles pasaremos un tempo de calidade”, salientou a rexedora.

O ciclo de teatro afeccionado é importante porque fomenta a participación cultural, permite que as persoas sen formación profesional en artes escénicas se involucren activamente na creación artística democratizando o acceso á arte e fortalece a cultura local. Ao tempo desenvolve habilidades persoais e sociais como a comunicación oral, a autoestima ou o traballo en equipo. Tamén crea identidade e sentido de pertenza e ofrece alternativas de lecer saudable.

Inaugurada exposición de Alfonso Pexegueiro
“Que os soños nos axuden a descubrir a realidade e que a realidade nos permita descubrir os soños”, así dá benvida ao visitante a exposición de debuxos “Lúa de mar. Liñas poéticas de Alfonso Pexegueiro” que se inaugurará este mércores 24 de setembro na residencia Artistea da Praza Maior.

Esta exposición, organizada polo Concello de Ponteareas, enmárcase no programa de actividades “Seraogna, 50 anos” que conmemora a ópera prima do polifacético creador ponteareán nado en Angoares. “un amplo programa que desenvolveremos ao longo de todo un ano e que pretende difundir e pór en valor a figura de Alfonso Pexegueiro ao cumprirse 50 anos daquela obra maxistral “Seraogna”, explica o concelleiro de Ensino e Letras, Ricardo González.

Baixo o título “Seraogna, 50 anos” acontecerán distintas actividades moi variadas como roteiros, conferencias, cursos sobre a obra de Pexegueiro, video poemas, actos musicais e algunha outra cousa máis que o Concello irá anunciando ao longo de 2025 e 2026. O programa inaugurouse na última edición de Corpus Christi na que o artista creou un deseño de alfombra de flores de Ponteareas visitado por milleiros de persoas. Agora o día 24 inauguráse a exposición aberta a todos os públicos que recolle 27 debuxos que, en palabras do autor, “significan por si mesmos ao igual que un poema”. Comisionada por Beatríz Suárez e Alberto Cartón, ofrecerá tamén unha colección de 26 libros, que recollen obras de Pexegueiro e tamén colaboracións en obras de outros autores. O público participante na inauguración do mércores ás 19:30 horas poderán gozar dunha visita guiada polo comisario Alberto Cartón así como visionar un vídeo resumo das creacións de Alfonso Pexegueiro.

A alcaldesa Nava Castro salienta que continuarán pondo en valor e difundindo as obras das e dos artistas de Ponteareas porque “nutren e nutriron a historia de Ponteareas a través das súas esculturas, verbas, poemas, pinturas, composicións musicais ou investigacións, entre outras disciplinas”. A alcaldesa adianta que a arte será un piar fundamental da estratexia de crecemento de Ponteareas.

Alfonso Pexegueiro
Como fundador de Rompente, Alfonso Pexegueiro liderou e compartiu cos artistas galegos de finais dos anos 70 e década dos 80 do século XX, unha dinámica rexenerativa e audaz das formas literaria e visual, con referencias ao bestiario paleontolóxico e mineral, e de despedazamento iconográfico sintético-figurativo, que coa neovangarda grupal de Atlántica se instalou case como marca formal da Galicia preautonómica –vivísima na liberdade efervescente e constitucional de revistas multidisciplinarias, cafés, bares, salas de exposicións públicas e galerías privadas–, retransmitida mediaticamente en canles televisivas, en prensa orgánica e nos alternativos fanzines para iniciados e coinasseurs. Por suposto, na destilada literatura poliédrica de Rompente, de traza performativa, entón tendencia, atenta ás súas circunstancias sociais, económicas e xeográficas, ao seu espírito de penetración distintiva e á súa notoriedade cultural, observa unha militancia que respecta a tradición, pero a descomprime e anchea adaptándoa a aqueles escenarios extravertidos.

Cos anos desvincúlase e constrúe un pavillón de honestidade no que se é nacente e se combate a inxustiza. E como lema: «Somos unha pregunta no baleiro do ser». E na ausencia, habítao. Pexegueiro converxeu con Guillermo Monroy, con Manuel Moldes, con Antón Lamazares, con José Freixanes, con Antón Patiño e Menchu Lamas, entre outros grandes protagonistas da plástica galega e do Estado, e é razoable que houbese un traspase na factura singular do motivo-concepto que podemos observar nas fichas-poemas mencionadas, ao igual que nos numerosos apuntamentos sinópticos que resaltan moitos dos seus libros preferidos, anotados e bosquexados naqueles anos. Catro décadas despois, por exemplo, nun exemplar dos Diarios, de Paul Klee (da súa biblioteca particular), as gardas mutan en dúas viñetas nas que plasma unha frase concisa arroupando un ingrávido ente anxelical, toda unha arela: “Ángel de sueños. Tiempos de luna y llanto, amor escondido. ¡Vuelve!”. Ou na intervención radical coa que abafa unha edición de Seraogna de 1997.  Sinalar estes axiomas tintados de Pexegueiro inseridos nas pezas pictóricas sobre papel, libros ou obxectos, provócanos unha creba coa unicidade da pintura elemental, pois amplíaa especificamente cara á liberación da palabra e invístea de plástica idiomática e ideogramática. En case todas as páxinas-cadro o valor da dedicatoria aglutina a sensitividade cromática e a lexibilidade efectiva da orde casual na súa polarización asignada á palabra, á oración e á súa propia declinación en pertenza. A escrita como verso e a pintura como sentimento nun conxunto dual de expresión votiva que «vemos» e “lemos” en pílulas de filosofía cordial: “El río con el amor en brazos, así nos llega la vida, 6 octubre 2020”; “18 setembro 2022, la edad infantil desaparece, la infancia permanece siempre”; «O mundo quedou atrás pechado na súa ignorancia; o coñecemento converteuse en ignorancia”; “Danza azul, sol de amor (febreiro de 2025)”. A lembranza trazada en gramática pictórica é coma unha lonxitude radiante da vida. E a ritual Aves de sol, en cursiva titular, como se merece ese debuxo-deseño, é unha insignia que dedicou Pexegueiro ás súas veciñas e veciños, amigas e amigos de Ponteareas, vestida despois con pétalos nunha alfombra conmemorativa para a festividade do Corpus de 2025, da que os bosquexos previos abrollaron en 2020.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.