Vigo | O delegado do Estado da Zona Franca de Vigo, David Regades, confirmou hoxe a presenza do Premio Nobel da Paz 2021 Dmitry Muratov, no Congreso Internacional Vigo Global Summit, que se celebrará o 12 e 13 de novembro no Auditorio Mar de Vigo.
David Regades valorou a Muratov como unha das figuras máis valentes do xornalismo contemporáneo, “xa que dedicou a súa vida para informar con rigor para dar voz a quen non a teñen, incluso poñendo en risco a súa propia seguridade. É un exemplo de compromiso, ética e valentía nun momento no que a verdade se ve tantas veces ameazada”.
O anuncio realizado hoxe súmase ao da presenza en Vigo de Daron Acemoğlu, Premio Nobel de Economía en 2024, no panel de persoas expertas que intervirán nesta segunda edición do Congreso. “Contar con estes dous Premios Nobel en Vigo, destacou Regades, supón unha oportunidade única para enviar unha mensaxe clara desde este Congreso: a paz é condición fundamental para o progreso económico e social”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, aplaudiu a confirmación de Muratov para o Summit. “É dunha gran importancia, un Nobel da Paz falando neste momento da imperiosa necesidade de paz”.
O delegado do Estado lembrou que en xuño de 2022 Dmitry Muratov poxou a súa medalla do Nobel por 103,5 millóns de dólares, recadación que doou integramente a UNICEF co fin de atender ás nenas e nenos refuxiados da guerra de Ucraína. Ese mesmo ano, o xornalista ruso sufriu un ataque físico cando viaxaba en tren despois de que uns descoñecidos asperxéseno con pintura vermella mesturada con acetona provocándolle queimaduras químicas.
As continuas presións do Goberno de Putin sobre o xornalista intensificáronse en 2023 cando foi acusado de ser axente estranxeiro, etiqueta que o Kremlin emprega para restrinxir a actividade profesional a todo aquel que critique ao goberno de Moscova. Muratov é mundialmente recoñecido por fundar unha das cabeceiras máis críticas co goberno de Vladimir Putin, o Nóvaya Gazeta, onde tamén colaboraba a xornalista asasinada en 2006, Anna Politkóvskaya. Ante as constantes presións, Muratov decidiu suspender a actividade do diario en Rusia para crear unha edición internacional en Riga (Letonia).
Vigo Global Summit, impulsado pola Zona Franca baixo o lema “Liderando e transformando a economía”, situará a Vigo no centro do debate sobre os novos desafíos económicos e sociais aos que se enfronta o mundo.
En total, serán unha vintena os líderes mundiais que participarán neste foro. Dmitry Muratov será o protagonista do primeiro día do Congreso, dedicado a analizar a xeopolítica, o novo taboleiro mundial e como os conflitos bélicos están a afectar a cadeas loxísticas e políticas de comercialización. Está previsto que o xornalista ofreza unha charla en formato keynote maxistral titulada: “Voces e liberdade na era das novas potencias. Unha mirada desde o xornalismo e a paz”.
Vigo Global Summit naceu como centro de reflexión para anticipar e fortalecer non só a institucións e tecido empresarial nun mundo en constante transformación senón tamén á sociedade en xeral. Este ano incorporou como entidade colaboradora a APD (Asociación para o Progreso da Dirección), e tamén estará Stellantis & you como vehículo oficial. A web do congreso está operativa: www.vigoglobalsummit.com