Un Netanyahu desatado.

Mentres Donald Trump está atrapado no surrealista conflito co gobernador de California pola aplicación das leis antiinmigración, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu aproveita o contexto para torpedear calquera negociación entre EEUU e Irán polo programa nuclear vía ataque militar directo, bombardeando as instalacións militares e nucleares iranianas en Teherán e Natanz. Nestes ataques foi asesinado o xefe da Garda Revolucionaria Islámica (GRI), o xeneral Hossein Salami, así como científicos nucleares e outros altos cargos militares.

Debe destacarse que a GRI constitúe un poderoso corpo pretoriano composto de miles de combatentes así como unha especie de holding económico que ten nas súas mans o control do programa nuclear iraniano. Con isto, Israel busca desarticular a cúpula militar e científica iraniana con capacidade de influencia sobre as negociacións do seu programa nuclear.

“Israel busca desarticular a cúpula militar e científica iraniana con capacidade de influencia sobre as negociacións do seu programa nuclear”

Para Netanyahu, a escalada do conflito en Oriente Medio lle permite desviar e neutralizar momentáneamente a atención mundial sobre o crime contra a humanidade que está cometendo contra a poboación palestina en Gaza pero tamén no plano interno ante as recentes protestas cidadás en Israel polo deterioro da imaxe internacional israelí e por que Hamás aínda ten no seu poder a decenas de reféns.

Toda vez Trump instou días antes a Netanyahu a non atacar Irán (aspecto que revela que coñecía de antemán este ataque), a resposta israelí desacredita a autoridade do polémico mandatario estadounidense. Non obstante, e alén da retórica, é escasamente probable que Washington tome medidas punitivas contra Israel. As negociacións entre EEUU e Irán sobre o programa nuclear que se levan a cabo en Omán estaban levemente paralizadas, polo que Trump pode argumentar o ataque israelí como medida de presión contra Teherán. Netanyahu sabe que Trump terminará asistindo a Israel en caso de ataque iraniano toda vez o presidente estadounidense mantén distancia sobre a escalada de conflicto en Oriente Próximo, evitando inmiscuirse pero sempre favorecendo os intereses do seu aliado Netanyahu.

En aras de lexitimar as súas políticas ante a sociedade israelí argumentanto a necesidade de preservar a seguridade, Netanyahu manipula a narrativa sobre a “supervivencia israelí” ante o “holocausto nuclear” atacando ao seu principal inimigo rexional, Irán; mesma narrativa que utilizou para xustificar a invasión de Gaza. No obstante, a realidade de Netanyahu vén máis ben determinada polas súas ambicións de recrear o seu proxecto mesiánico, o “Gran Israel”, e transmitir ese imaxinario a unha poboación israelí cada vez máis encorada á necesidade de afondar na institucionalización do militarismo na vida cotiá.

“A realidade de Netanyahu vén máis ben determinada polas súas ambicións de recrear o seu proxecto mesiánico, o “Gran Israel”

Resta por ver cal será a resposta iraniana a nivel militar que, en principio, limitouse a atacar preventivamente con 300 drones o territorio israelí. A pesar da perda xeopolítica que supuxo a caída do réxime sirio de Bashar al Asad en decembro pasado, as esferas de influencia rexionais de Teherán seguen a ser relevantes, especialmente por parte do movemento islamita libanés Hizbulá así como da comunidade hutí en Iemen, que xa ten atacado obxectivos israelíes.

Mesma atención debe observarse sobre cal será o papel das grandes potencias, EEUU, China e Rusia, e a súa capacidade para tentar neutralizar a escalada deste conflito. En Moscova e Beijing impera un prudente silencio á espera de cómo se desenvolvan os acontecementos. A única reacción dura contra Netanyahu veu por parte do presidente turco Recep Tayyip Erdogan, outro dos seus rivais xeopolíticos rexionais, quen acusou a Israel de “desestabilizar Oriente Medio“.

Particularmente importante será observar a reacción rusa, con quen Irán asinou a finais de 2024 unha alianza estratéxica para os vindeiros 20 anos. Alén do seu apoio político e concentrado na ampliación da súa ofensiva na fronte ucraína sobre a estratéxica cidade de Járkov, resulta pouco probable que Moscova acuda en asistencia militar a favor do seu aliado iraniano, se ben Teherán ten outorgado material militar ás forzas rusas en Ucraína, específicamente drones.

Toda vez o ataque israelí provocou o consecuente terremoto bursátil e o aumento dos prezos do petróleo, Netanyahu confirma a súa convicción de provocar unha guerra a gran escala para reconfigurar ao seu favor un “novo Oriente Próximo” que inflama aínda mais o delicado panorama en Asia Occidental, onde dúas potencias nucleareas como India e Paquistán estiveron a punto de ir á guerra polas súas reclamacións fronteirizas sen menoscabar as permanentes tensións sino-occidentais por Taiwán.

Incluso desautorizando ao seu histórico aliado estadounidense, a “fuxida cara diante” de Netanyahu pode ter tamén claves en política interna antes as presións da “ala dura” e dos “falcóns” dentro do seu partido, os seus aliados parlamentarios da extrema dereita sionista e das Forzas Armadas, convencidos de que a impunidade israelí non ten límites nin reparos. Un día antes do ataque a Irán, Netanyahu superou pola mínima unha moción de confianza no Parlamento israelí que houbese abocado a súa disolución e unha nova convocatoria electoral.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.