Un momento “cargadiño de verdade”.

Máis dunha vez teño comezado os meus comentarios laiándome de non saber ben por onde comezar. Hoxe é un deses días, por iso voume limitar a facerlle unha breves indicacións. Algo así como facía nos meus tempos de educando cando lles daba unhas cantas pistas aos meus alumnos sobre un tema, e solicitaba que foran eles os que completaran o traballo.

Se boto man dun tema e tento expoñer o que entendo que resulta importante para trasladarlle a vostedes, tería que deixar outros moitos, igual de interesantes e curiosos, nalgúns casos, no tinteiro. Polo tanto permítanme que me limite a indicarlles algunhas das cousas ás que deberíamos todos prestar atención. Nuns casos voume estender un chisco mais ca noutros, pero ser aburrirlles demasiado. Todos teñen a súa miga.

Como todos sabemos, vivimos tempos convulsos. Tempos nos que cada maña espertamos cun novo caso de corrupción, de traizóns políticas, de amizades rotas…Cada unha delas moi interesantes. Eu só lles pido que con calma, cando estean na praia tomando o sol ou debaixo dun castiñeiro, por exemplo, se deteñan intentando comprender algo do que nos arrodea. Eu pretendo facelo cada día e debo confesar que me resulta difícil entender certos comportamentos, certas maneiras de como a xente vai pola vida.

“Como todos sabemos, vivimos tempos convulsos”

Imos comezar polos E.E.U.U. onde ese coñecido personaxe, multimillonario chamado Elon Musk nos anuncia que despois de facer de bufón de Donald Trump e de comprobar que o que entendía era seu amigo o estaba prexudicando nos seus negocios, decide crear un novo partido político que se chamará “ América Party”. Síganlle a pista; veremos en que queda todo isto. Pode resultar sumamente curioso e ata interesante para todos nós.

Non esquezan que coas políticas deste energúmeno chamado Trump, a botella de aceite do súper ou o quilo de azucre poden influenciar a favor ou en contra das nosas economías en función de como se erga de humor este bufón americano. Se ao seu ex-amigo lle quere botar un pulso e con iso saímos beneficiados, benvido un novo matón americano.

Antes de volver das terras americanas imos deternos en Francia onde crece a tensión na ultradereita logo dos primeiros roces entre Le Pen e o seu herdeiro Bardella. A líder ultra, que segue considerándose candidata aínda que estea inhabilitada xudicialmente, fai fincapé na falla de experiencia do seu protexido en cuestións fundamentais, mentres este alaba a liña política da italiana Meloni, coa que Le Pen non sente, precisamente, boas vibracións.

E xa en terreo patrio estean atentos aos movementos subterráneos que se producen en Valencia. A DANA non só trouxo mortes e desgracias; tamén provocou apetitos políticos. Aquí un tal Francisco Camps de triste lembranza, que foi todo un personaxe popular na Deputación de Valencia, plántalle cara a Mazón, o actual Presidente, reuníndose con medio milleiro de simpatizantes e pesos pesados do Partido para postularse como novo líder. ”Quero volver a ser o Presidente do PP valenciano” proclama. Reta a Mazón a un congreso mentres o PPCV tenta facerlle a cama. Aquí parece que non teñen suficiente coa DANA.

Agora centrémonos no sucedido na capital do reino (como gustan de proclamar os nostálxicos do Imperio) porque temos, e seguiremos tendo, moita tela que cortar.

Falo das dúas reunións ou consellos políticos que se celebraron en Madrid. Os socialistas por unha banda e os populares pola outra. Como pano de fondo, as demais forzas políticas na retagarda esperando a coñecer que se ía cocer neses dous conciliábulos, especialmente na xuntanza dos socialistas.

No caso popular xa se coñecían, practicamente os resultados. Un Congreso “á búlgara” onde todo estaba guisado e ninguén se ía atrever a facerlle fronte a Feijóo, como así foi. Arrodeado dos dous ex-presidentes anteriores fanfarroneou todo o que quixo. Para el o camiño á Moncloa só é cuestión de tempo e de novas circunstancias que poidan embarrar aínda máis aos socialistas. A isto está entregado, tal como se comprobaría días despois no Congreso dos Deputados.

Os socialistas tamén tiveron o seu congreso. Claro que nese caso as augas baixaban moi sucias: corrupción, acoso sexual, traizóns…Todo un cúmulo de calamidades que tiñan e seguen tendo ao Partido nun sen vivir. Aquí Pedro Sánchez tivo que botar man do seu “Manual de resistencia” para saír airoso aínda que coa Espada de Damocles sobre a súa cabeza sostida polos socios de investidura. Ofreceu todo un paquete de medidas que expuxo no Pleno do Congreso. Algunhas delas consensuadas, polo visto, con Sumar, o seu socio de Goberno.

“Os socialistas tamén tiveron o seu congreso. Claro que nese caso as augas baixaban moi sucias: corrupción, acoso sexual, traizóns…”

Interesante é que vostedes se tomen a molestia de informarse asépticamente de cada unha das intervencións dos grupos parlamentarios que levaron a Pedro Sánchez á Moncloa, sobre todo, porque de aí poderán facerse unha idea aproximada de como van transcorrer os vindeiros meses de verán e de como imos entrar no tempo político coa chegada do outono. Tómense a molestia de informarse do que dixo cada quen nese Pleno tan importante. Non se fíen dos comentarios que poidan ler a favor ou en contra dun ou doutro bando. É posible que cheguen a conclusión de que todo e nada se dixo.

Por iso lles recomendo que lean con calma e sen apaixonamento as intervencións dos grupos. Coñecerán que posturas políticas teñen tomado nestes momentos, aínda que, obviamente, non sexa a definitiva pero que cambiará cando non se cumpran os deberes que lle puxeron ao Presidente, ou cando as medidas que se tomen non sexan suficientes.

Podería pararme nalgunhas intervencións que de todo houbo pero para non citar algunhas de groso calibre (ao meu entender indecentes) non me vou meter nese campo. Xulguen vostedes se todo pode valer en política ou se determinados comportamentos, determinadas expresións deberían ser suficientes para que os cidadáns declararan a certos políticos persoas non gratas.

Pasado o verán tal vez entremos a comentar algunha destas cuestións que hoxe deixo ao seu criterio.

Coidado coas calores do verán que poden ser moi perigosas. Pasen unhas felices vacacións.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.