Un millón de euros para a EDAR municipal de San Cristovo de Cea

Estará dotada de sistemas tecnolóxicos que garantan un funcionamento automatizado e eficiente

San Cristovo de Cea | Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, e José Luís Valladares, alcalde de San Cristovo de Cea, asinaron o convenio de colaboración para investir un millóns de euros na renovación e posta en marcha da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade.

Tal e como recolle o convenio, que terá unha vixencia inicial ata o 31 de decembro de 2028, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asumirá o 80% do custo da actuación, que será cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e o Goberno local, o 20% restante.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, esta actuación permitirá resolver as deficiencias técnicas que presenta a actual infraestrutura municipal, así como dotala de sistemas tecnolóxicos que garantan un funcionamento automatizado e eficiente.

Intervirase sobre a liña de auga (que dá entrada ao material residual na depuradora e se ocupa do seu tratamento) para substituír as dúas bombas actuais, instalar un novo caudalímetro e construír tamén unha arqueta nova provista de dúas canles, ademais de intervir no sistema de pretratamento das augas residuais. En canto á liña de lodos da nova EDAR, está previsto tamén o cambio das bombas de recirculación existentes e da destinada á purga dos lodos, ao tempo que se substituirá o equipo de deshidratación manual existente por outro automático.

Ademais, as obras proxectadas tamén incluirán outros traballos de acondicionamento e mellora das instalacións como, por exemplo, limpeza e impermeabilización interior das principais estruturas e rehabilitación do edificio de explotación; instalación dun sistema de xestión (SCADA) e substitución do cadro eléctrico da depuradora e do cableado aos equipos; e adecuación do camiño que dá acceso á EDAR.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.