Na política, ás veces, hai curiosas (e tamén odiosas) comparacións. Esas comparacións poden ser froito da casualidade ou tamén da causalidade, todo depende. Este carrusel de curiosidades lévanos a unha comparativa entre o que está sucedendo en América Latina e España.
Miremos o caso de VOX, en franco retroceso electoral tralo 23X, con visos de certo distanciamento político incluso por parte de aliados ‘naturais’ como o PP. Pero se lle botamos unha ollada aos recentes procesos electorais latinoamericanos vemos que esa opacidade de VOX non é tan palpable. Se cruzamos o Atlántico, a súa mensaxe política, polo visto, goza de boa saúde electoral.
É o que estamos vendo na Arxentina, terra de tanta emigración ibérica. Un candidato definido como ‘libertario’, Javier Milei, tildado dende diversos sectores mediáticos e políticos como un típico ‘facha’, ‘filonazi’, entre outros epítetos, ven de gañar con máis do 30,17% dos votos, o pasado 13 de agosto, as eleccións primarias para definir as candidaturas presidenciais arxentinas. Será o vindeiro 22 de outubro cando os arxentinos elixirán ao seu presidente e decidan o seu futuro. Se vemos o que pasou nas primarias, Milei podería ‘alzar’ a banda presidencial: obtivo case sete millóns de votos, moitos deles de clases populares e da mocidade, gañando en 16 das 24 provincias arxentinas liderando o seu partido “La Libertad Avanza”, fundado a penas en 2021.
Curioso que un ‘ultraliberal’ dereitista aliado confeso de VOX como Milei sexa o que, desta vez, mobilice o voto protesta e ‘antisistema’ na Arxentina. “O Pelucas”, como coloquialmente se lle coñece polo seu estilismo que raia na estridencia típica dun “rock star” aderezada polo seu histrionismo verbal, é hoxe quen abandera o descontento social contra a ‘casta’, o ‘establishment’ de poder. Lles soa esta mensaxe? Pois si, curiosamente é o mesmo slogan dun político español, Pablo Iglesias, quen está nas antípodas do que representa ideoloxicamente Milei, e que liderou nos “dourados anos felices” de Podemos, alá polo 2015.
“Curioso que un ‘ultraliberal’ dereitista aliado confeso de VOX como Milei sexa o que, desta vez, mobilice o voto protesta e ‘antisistema’ na Arxentina”
Pero seguimos na Arxentina. Non perdamos de vista que a segunda opción nas primarias foi tamén “dereita pura e dura”: Patricia Bullrich, ex ministra de Seguridade, alcanzou o 28% dos votos liderando a plataforma Juntos por el Cambio, impulsada polo ex presidente-empresario Mauricio Macri. Cuestión de aritmética: case un 60% dos votantes arxentinos decantáronse pola dereita máis extrema, sexa esta con tintes liberais, conservadores, antiprogresistas, antiesquerdistas, antiglobalistas anti Soros, negacionistas, centrodereita e incluso afectos á ditadura militar, como vemos no caso dalgúns membros do equipo de Milei. En poucas palabras, Milei e Bullrich achéganse a un populismo de dereitas estilo trumpista que tanto gusta a VOX.
A que ven toda esta comparación? Que nunha América Latina que sempre é noticia polos seus xiros vertixinosos no seu péndulo político, como vimos nos últimos anos co retorno da esquerda en Brasil, Chile, Colombia ou México, pois agora observa unha tendencia “voxista” con Milei á cabeza. Pero na que tamén están os Bolsonaro en Brasil, o ‘pinochetista’ Kast en Chile, a dereita do PAN e da rede ultracatólica El Yunque en México, en Perú, Bolivia e quizáis Ecuador e outros tantos países onde estes liderados van collendo forma politicamente. E todos ou practicamente todos eles simpatizantes e aliados de VOX.
Pois si, está cobrando forma unha Internacional de Dereitas de todo tipo pero cada vez máis extremista que sabe que “falar duro, alto e claro” da votos. E o epicentro deste Internacional estaría en Madrid, en VOX e think tanks e fundacións como Fundación Disenso, Iberósfera e a Carta de Madrid creadas para, tal e como oficialmente así se presenta, dar a “guerra cultural” contra a esquerda global e o “comunismo totalitario” presuntamente atribuído a todo ese universo presente no Foro de São Paulo.
Tendencia dereitista a tomar en conta nunha rexión latinoamericana permeada polas redes criminais, as desigualdades e a pobreza. Un momento perigoso que xa observamos co asasinato en Ecuador o pasado 9 de agosto do candidato Fernando Villavicencio. O ‘sicariato’ ten presenza na política rexional. E a preocupación pola seguridade cidadá aumenta, caldo de cultivo para fortalecer estas tendencias de populismo de dereitas. Este 15 de agosto asumiu o novo presidente paraguaio, Santiago Peña, do conservador Partido Colorado. Peña considerou como prioridades a seguridade cidadá e a loita contra a criminalidade. Ollo que o tema ten impacto nas axendas e nas políticas públicas e máis tralo asasinato de Villavicencio e co tándem Milei-Bullrich cabalgando, posiblemente xuntos, cara a presidencial Casa Rosada. Un tándem ao que o propio FMI non escapa de ter atención: xa se reuniron por separado cos seus respectivos equipos para “establecer prioridades”. Estamos ante novas ‘recetas FMI’ cun novo escenario político arxentino?
Durante moitos anos, a ‘dereita mediática’ fustigou contra os ‘perigos’ que para a democracia tiñan líderes esquerdistas como Chávez, Lula, Evo Morales, Rafael Correa, López Obrador, os Kirchner, Petro. Todos eles no poder por votación popular aínda que algún deles, como Chávez, cun talante máis autoritario. Hoxe ven a reacción, tamén mediática e política, por parte de sectores progresistas e de esquerdas que alertan contra a “Internacional” que VOX e Milei están formando e os perigos que entrañan para a democracia, aínda que eventualmente cheguen ao poder polos votos. Xa o sabemos: se seguimos coas comparacións tamén temos as históricas. Porque Hitler chegou ao poder en 1933 tras unhas eleccións. Estaremos presenciando un revival dos anos 1930 nesta a nosa época de pandemias, guerras e nostalxia da ‘man dura’? Quen sabe. Pero para VOX, claramente, Milei é a oportunidade de “facer as Américas” pensando sempre en conectar coa “Nai Patria”.