Un mes de festas no Porriño

Coas Festas do Cristo e a dos Callos, contando coas subcampioas europeas de balonmán feminino como pregoeiras

O Porriño | As subcampioas de Europa de balonmán feminino serán as encargadas de dar o pregón das Festas do Cristo 2025. “É un orgullo inmenso contar coas xogadoras do Club Balonmán Porriño como pregoeiras das nosas festas. Son un exemplo de esforzo, constancia e superación. O que conseguiron na competición europea é histórico, pero máis alá dos resultados, o que máis admiramos é o seu espírito loitador. É un orgullo contar cunhas embaixadoras como elas, dentro e fóra da pista”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de presentación das Festas do Cristo 2025 que contou coa actuación do grupo Acordecans.

A mostra de orgullo e recoñecemento foi mutua porque as xogadoras tamén agradeceron o apoio que dende o Concello sempre se lles brinda “para nós é unha honra ser as pregoeiras destas festas, fainos moita ilusión e esperamos estar á altura”, sinala Alicia Campo, unha das capitanas coa que coincidiu a súa compañeira, Aitana Santomé, que remarcaba que “despois dun moi bo ano é unha maneira de dar comezo a nova tempada, para nós esta é unha gran oportunidade”, á vez que animan á toda a veciñanza a participar das festas e tamén a acudir ao pavillón a ver os seus partidos.

A lectura do pregón será o sábado 27, ás 13.00 horas, e marcará o inicio da fin de semana grande das festas, pero ata entón xa serán moitas as citas culturais que se celebren incluídas na programación que se prolongará ata o domingo 5 de outubro, coa cita gastronómica por excelencia do Porriño, a Festa do Callos, que este ano chega a súa trixésimo segunda edición. “Un ano máis, O Porriño demostra ser unha vila chea de vida, cultura e participación. Estamos seguros de que as nosas festas, que se prolongan todo este mes de setembro e a primeira fin de semana de outubro, serán un verdadeiro éxito tanto pola diversidade dos actos programados como pola implicación da veciñanza, das asociacións e dos clubs deportivos”, explicou o alcalde.

Son en total 26 xornadas de festas con máis de 70 actividades dirixidas a todos os públicos e que abranguen dende actuacións musicais, deporte, expresión escénica e tamén accións de promoción do comercio local como pode ser a xa tradicional feira de Merca na rúa, os días 12 e 13, e a nova iniciativa de Noite aberta, o venres 19, celebrándose tamén este día a Festa Flamenca e o concerto de Xoana.

A primeira gran cita musical será mañá co Negrita Music Festival e continuará o venres 26 cos concertos de Heredeiros da Crus e Beret, o sábado 27 actuará Sash! e o luns do Cristo Panorama e París de Noia amenizarán a máis grande das sete verbenas que pecharán o domingo 5 con El Combo Dominicano. O certame Tes talento?, a batalla de baile e concertos Summer Son Jam e o espectáculo infantil Cantajuego Coco y Pepe completan a axenda musical na que tampouco faltarán concertos de bandas de música. No ámbito deportivo, coma sempre os clubs deportivos estarán presentes con exhibicións e presentación das diferentes modalidades: fútbol, baloncesto, patinaxe e aeromodelismo, destacando a celebración de eventos como La nocturna mañá sábado, o Dirt-Track Xacob Agra o domingo, a Interrunning o día 21, o Torneo de Xadrez o 23 e a Milla Porriñesa o 4 de outubro. A Festa do Peregrino, monólogos, obradoiros infantís, animación de rúa con batucadas e charangas e outras actividades completan o programa festivo.

“Desde o pregón ata a tradicional Festa do Callos, broche de ouro da programación, pasando polos concertos, actividades infantís, deportivas e iniciativas de apoio ao comercio local, viviremos momentos inesquecibles que reflicten o espírito participativo e dinámico do noso pobo. Quero agradecer de corazón a todas as persoas que traballan para facer posible esta celebración e, por suposto, á cidadanía por participar con entusiasmo e respecto. O Porriño está máis vivo ca nunca e estas festas son boa mostra diso. Viva O Porriño e viva o balonmán”, rematou o alcalde.

Primeira fin de semana festiva con música urbana e deporte
Logo do espectáculo de ilusionismo de onte e o de marionetas que terá lugar esta tarde, ás 18.00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a programación continuará ao longo da fin de semana con importantes eventos deportivos.

O Club de Aeromodelismo Furaventos celebra o sábado e o domingo o Furaventos Meeting, un encontro internacional que reunirá a medio cento de pilotos de España, Francia e Portugal no que se exhibirán grandes avións. Ademais, mañá sábado, a partir das 16.00 horas, terá lugar a proba ciclista La Nocturna polas rúas do casco urbano, e o domingo, ás 16.00 horas no velódromo municipal, disputarase o XX Dirt-Track Xacob Agra.

O Negrita Music Festival será a gran cita musical da fin de semana. Mañá a partir das 16.00 horas e ata a madrugada, no aparcadoiro da rúa Progreso, actuarán West SRK, Xiyo & Fernández, Cyril Kamer, La Pantera, Hard GZ, Yung Beef, Groove Amigos B2B Traffic House, Alvama Ice e Galician Army. Tamén o sábado, ás 20.00 horas no Parque do Cristo, concerto do trompetista Manuel Mardanás e o domingo, á mesma hora, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, actuación “Nas tres linguas do Camiño” de Gustavo Almeida.

Toda a programación pode consultarse de xeito actualizado na web ecultura.net onde tamén se irán informando de posibles cambios debido, sobre todo, ás condicións meteorolóxicas, e irase publicando a diario nas redes sociais municipais.

De xeito paralelo, esta fin de semana Carracido celebra as festas na honra á Virxe dos Milagros. O sábado haberá verbena con Son de Cíes, o domingo misa solemne ás 12.30 horas con procesión acompañada pola Banda de Música Municipal do Porriño e o luns 8, ao mediodía, de novo misa con procesión coa Banda de Música Municipal de Redondela e pola tarde as tradicionais cucañas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.