O Porriño | O Concello do Porriño reuniuse cos praceiro/as da Praza de Abastos para explicarlles o calendario de traballo e os detalles do proxecto de mellora e modernización do mercado municipal que, cun investimento de 400.000€, comezará a súas obras o vindeiro 20 de outubro.
Atendendo as demandas dos praceiro/as levarase a cabo unha modernización estética e funcional da praza de abastos, con melloras en iluminación, accesibilidade, servizos e novas infraestruturas, incluíndo unha redistribución dos postos de peixería e froitería, así como a instalación de taquillas térmicas e catro novas cámaras de frío. As obras faranse por fases e os postos manteranse abertos, reubicándose temporalmente noutra zona.
Actividades socioculturais
O Concello do Porriño dá a benvida ao mes de outubro cunha intensa programación de actividades formativas e de lecer nas distintas parroquias, da man do tecido asociativo local. Son 19 asociacións veciñais e culturais, repartidas polas oito parroquias do municipio, as que ofertan máis de 550 horas mensuais de cursos, o que supón unha media de 138 horas semanais distribuídas nunhas noventa clases de luns a sábado.
A programación abrangue propostas para todas as idades e gustos, desde actividades deportivas como ximnasia, pilates, zumba ou ioga, ata obradoiros de música tradicional (percusión, canto, pandeireta, acordeón, gaita, coro), pasando por clases de inglés, costura, labores, corte e confección, pintura, restauración, traballos con coiro, teatro e arte floral, entre outras.
As actividades desenvólvense de luns a sábado, en diferentes horarios, maioritariamente polas tardes para facilitar a participación da veciñanza. Na xornada inaugural, o alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo visitou unha das actividades con maior participación, o curso de ximnasia en Pontellas, que se ofrece en dúas quendas debido á alta demanda. “Desde o Concello apostamos por apoiar o dinamismo das asociacións e garantir que en todas as parroquias haxa acceso a actividades culturais, deportivas e formativas. É unha forma de facer comunidade, de mellorar a calidade de vida e de fortalecer o tecido social que tanto caracteriza ao noso municipio”, sinalou o alcalde.
Esta ampla oferta de cursos é posible gracias á colaboración entre o Concello e as entidades organizadoras. O Concello do Porriño colabora economicamente con todas estas asociacións mediante achegas nominativas anuais, cuxo importe total supera os 50.000 euros, que permiten garantir a continuidade e calidade das actividades en cada parroquia.
O Concello continuará a traballar da man das asociacións para ampliar e diversificar a oferta ao longo do ano, consolidando o seu compromiso cun Porriño activo, participativo e unido.