O Festival de Cans pecha unha edición “histórica” e “emocional”

Batendo récord de asistencia con preto de 13.000 persoas

O Porriño | O Festival de Cans clausurou esta fin de semana unha das edicións máis memorables e emotivas da súa historia, na que participaron preto de 13.000 persoas ao longo de cinco días intensos de cine, música, coloquios e emocións compartidas.

A curtametraxe Monstera, do director vigués Diego R. Aballe, foi a gañadora do Premio do Público. A curta narra unha discusión de parella polo coidado dunha planta con finas doses de humor. Esta XXII edición será lembrada pola gran carga emotiva e pola enorme resposta do público, que esgotou as entradas para as proxeccións principais e para moitas das actividades paralelas desde máis dunha semana antes do comezo do festival.

A edición queda no recordo pola súa profunda carga emocional con actos como a homenaxe a Reisiño, un veciño que sufriu a represión franquista na Illa de San Simón; a lembranza á señora Alicia, veciña e colaboradora histórica de Cans; e ao veciño Adriano Campos, un dos homes máis respetados da aldea e Chimpín de Prata este ano. Especialmente emotivo foi o coloquio con Alfonso Zarauza, Premio Pedigree de Honor, que coincidiu co falecemento de Piti Sanz, recoñecido músico e compositor na historia recente da música e do audiovisual galego e amigo persoal de Zarauza.

Outro dos momentos máis salientables desta edición foi o multitudinario coloquio co director Daniel Sanchez Arévalo e que encheu o Torreiro de Cans. O cineasta estivo arroupado por numerosos actores que forman parte de Rondallas, o seu próximo filme. En Cans estivo acompañado de María Vázquez, Carlos Blanco, Tamar Novas, Fer Fraga e Judith Fernández, ademáis de numerosas persoas de diferentes rondallas musicais. Sánchez Arévalo avanzou en exclusiva en Cans as primeiras imaxes do filme e tal foi a expectación que foi necesario facer dous pases consecutivos no Baixo de Carlos, completamente ateigado.

O público encheu os jalpóns e os diferentes espazos do festival, e mesmo tivo que quedar fóra nalgunhas estreas moi agardadas como Antes de Nós de Ángeles Huerta ou Crónicas dun Non de Fernando Rodríguez. Outros momentos inesquecibles foron o espectáculo de Mondra no Baixo de Bugarín musicando “Miss Ledya”, ou os concertos de Susana Seivane e Lúa Mosquetera no Invernadoiro, con entradas esgotadas. Os coloquios no Torreiro tamén se consolidaron como un dos grandes acertos desta edición, con charlas concorridas mesmo en días de semana e en horario de mañá, como os Coloquios AISGE, ou os encontros co equipo de Antes de Nós e cos cineastas convidados.

A música volveu ser un piar fundamental do festival, o Espazo Estrella Galicia da Leira do Río congregou a máis de 1.500 persoas cada día. Por alí pasaron bandas como Biznaga, Santero y Los Muchachos ou Banda da Loba, mentres que no Torreiro, a actuación de Guadalupe Plata foi das máis celebradas. O venres, Caamaño Ameixeiras tamén fixo vibrar ao público no concerto de benvida a aldea.

O sábado, día grande do festival, preto da metade do público total congregouse nos camiños e espazos de Cans, gozando dunha xornada festiva con moita presenza de público familiar ao longo de todo o día. A organización fai un balance moi positivo desta edición, que volveu demostrar a forza dun festival diferente, enraizado na veciñanza e cun compromiso firme coa creación audiovisual e coa cultura galega, ademáis do comportamento exquisito do público que visita a aldea.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.