Un estudo da USC ensalza ás aldeas como modelo rural

O traballo foi o gañador na sexta edición dos premios Rafael Crecente

Lugo | A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, asistiu ao acto de entrega da sexta edición dos premios Rafael Crecente a iniciativas innovadoras de xestión territorial, convocados polo Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e que tivo lugar na Escola Politécnica Superior da USC en Lugo.

Nesta edición o primeiro premio correspondeu a Marta Gómez pola iniciativa “Aldeas modelo. Estudo sobre recuperación de terras agrarias de Galicia”. Nas súas conclusións, este traballo destaca que “as aldeas modelo son unha iniciativa no marco da Lei de recuperación da terra agraria que busca afrontar obxectivos interrelacionados, que van desde a ordenación do territorio e a promoción do desenvolvemento rural sostible ata a promoción da igualdade de xénero, a mitigación do cambio climático e a mellora da seguridade alimentaria”.

O traballo engade que “en resumo, estas iniciativas representan un enfoque integral para o desenvolvemento sostible das zonas rurais e están en consonancia cos obxectivos globais de sustentabilidade. Ademais, adáptanse a contextos únicos, maximizando as fortalezas e oportunidades ao tempo que abordan debilidades e ameazas específicas para cada aldea. O seu éxito podería servir de modelo inspirador para outras áreas que se enfrontan a retos similares, promovendo un desenvolvemento rural máis sostible en toda a rexión”.

A maiores, a sexta convocatoria destes premios recoñeceu cun accésit o traballo de Vanesa Miramontes “Emprendemento e enerxías renovables: as comunidades de enerxías renovables como base do desenvolvemento rural sustentable” e o segundo premio foi para Akitz Sarasola polo proxecto “Recuperación castañar de Koate”.