Un establecemento de A Teixeira foi beneficiario para modernizar as instalacións

A intervención Leader dispón dun orzamento de 56,9 millóns de euros ata o ano 2027

A Teixeira | A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou as instalacións do restaurante Volver, situado no Concello da Teixeira, para coñecer de preto o proxecto de modernización realizado coa axuda do Leader.

Durante a visita destacáronse os avances deste proxecto, que supuxo un investimento total superior aos 437.000 euros, dos cales 200.000 foron financiados a través dos fondos Leader da Xunta.

A actuación centrouse na rehabilitación dunha casa tradicional da Ribeira Sacra, coa finalidade de transformala nun restaurante de dous garfos, cunha proposta culinaria baseada na gastronomía galega tradicional, pero cun enfoque contemporáneo. A iniciativa aposta polos produtos de proximidade e de tempada, empregando técnicas innovadoras e de fusión con outras cociñas para ofrecer unha experiencia gastronómica única.

Entre os principais obxectivos do proxecto está o de consolidarse como un referente gastronómico na Ribeira Sacra, combinando calidade e innovación. Tamén se busca garantir unha boa experiencia aos clientes, grazas a un equipo profesional altamente cualificado. Ademáis, a empresa aposta por dar visibilidade tanto ao restaurante como á zona, creando converxencias con outros axentes e negocios locais.

As axudas Leader da Xunta de Galicia, xestionadas polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), están dirixidas a apoiar tanto proxectos produtivos que xeren emprego como iniciativas non produtivas que repercutan positivamente na calidade de vida da poboación en xeral.

Case 57 millóns de euros ata 2027
A intervención Leader conta con 56,9 millóns de euros ata o ano 2027 neste novo período do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac). Deste orzamento case 40 millóns de euros están destinados a financiar axudas para a execución de operación en apoio de terceiras persoas, como é o caso deste proxecto de rehabilitación. En total, na convocatoria de 2025, recibíronse preto de 600 para a posta en marcha de diferentes proxectos de desenvolvemento rural, cun orzamento de 12,6 millóns de euros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.