Un escape room para coñecer a historia de Ponteareas

O alumnado aprendeu co “misterio de María Agustina Sarmiento”

Ponteareas | O alumnado dos centros educativos do Concello de Ponteareas achégase a historia da vila no escape room “O Misterio de María Agustina Sarmiento”.

A través de distintas probas máis de 250 alumnos e alumnas van descubrindo personaxes e fitos históricos agochados nas salas e pasillos do Castelo do Sobroso. Explica o concelleiro de Ensino, Ricardo González, que se trata dunha actividade moi exitosa que posibilita unha aprendizaxe divertida e activa.

Nesta actividade desenvólvense as habilidades sociais a través do traballo en equipo, promóvese a habilidade de resolver problemas e xestionar o tempo; mellórase o desenvolvemento afectivo e refórzase a autoestima ademais de traballarse a motivación asentando a aprendizaxe previa e favorecendo novas habilidades.

Máis de 500 mozo/as en Talento Xove
O Concello quere amosar o seu agradecemento a toda a cidadanía participante nas finais de Talento Xove, tanto ao público como aos mozos e mozas que concursaron. “Comprobamos por segundo ano consecutivo que en Ponteareas hai moito talento e moitas gañas de expresalo. Estamos máis que satisfeitos coa boa acollida que tivo a segunda edición.

Máis de 500 mozas e mozos e nenas e nenos inscritos nas distintas disciplinas”, explicou a alcaldesa, Nava Castro. Nava Castro traslada tamén os seus parabéns á concellería de Xuventude polo traballo realizado e á dirección xeral de Xuventude da Xunta de Galicia o importante apoio recibido, non só económico tamén coa súa presenza nalgunhas das finais.

A nave Aceros del Tea acolleu a final de cociña, o auditorio municipal a de danza, o aparcamento Sarmiento Rivera a final de DJ´s e a residencia de artistas Artistea a de banda deseñada, deseño de xoias, fotografía, novela, poesía e debuxo.

O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, salienta a importancia de contar cun xurado profesional en cada unha das finais, “estamos moi agradecidos a todas e todos eles por dedicar o seu tempo a escoitar e valorar cada traballo coa sensibilidade e cariño que se require pero tamén cunha ollada profesional e de experiencia que enriquece moito o concurso”.

Alcaldesa e concelleiro animan a todas as veciñas e veciños a arroupar a estes talentos que seguirán demostrando ante o público as súas dotes na final de música que terá lugar o venres 23 de maio no auditorio municipal.

Nesta segunda edición o concurso Talento Xove ofreceu talleres de formación previos como o de deseño de xoiais, fotografía ou DJ e engadiu tres novas disciplinas para concursar, a de monólogo, deseño de xoias e DJ que sumaron ás ofertadas naprimeira edición: poesía, novela, artes plásticas, cómic, cociña, fotografía, música, arte urbano, danza moderna e moda.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.