
Santiago de Compostela | A segunda lectura antolóxica de Rosalía de Castro desenvolverase este xoves 26 de febreiro a partir das 12:00 h. na Sala Académica da Facultade de Filoloxía da USC, enmarcada nos actos de celebración do Día de Rosalía que conmemora a data do seu nacemento.
Baixo a denominación Vou con farois, buscándome a min mesma, o poeta catalán Jaume Subirana, catedrático de Literatura Catalana na Universitat Pompeu i Fabra, guiará unha lectura comentada dalgúns poemas de Rosalía achegando interpretacións que os farán dialogar con versos doutras poetas referenciais da literatura mundial; entre elas, a británica Christina Rosetti, a uruguaia Juana de Ibarbourou, a xaponesa Kaneko Misuzu, a polaca Wislawa Szymborska, a catalá Maria Mercè Marçal ou a estadounidense Emily Dickinson.
O obxectivo desta lectura, que naceu en 2025 inspirada no recital antolóxico de poesía galega que se celebrou en Bos Aires en 1956 baixo a coordinación de Eduardo Blanco Amor, é provocar reflexións e conexións entre a obra de Rosalía e outras poéticas contemporáneas coas que comparte certos sinais de identidade que a converten nunha autora universal que transcende o territorio para erixirse non só na nosa poeta fundacional, senón nunha voz vixente e actual.
Música, poesía e gastronomía en Tui
Música, poesía e a gastronomía centran a celebración do Día de Rosalía en Tui. Dende esta mesma mañá a Biblioteca Municipal abriu a “Fiestra de Rosalía” unha iniciativa coa que remarcar esta celebración e a importancia da autora e a da súa obra. Así xunto aos andeis da Biblioteca ábrese unha fiestra ás obras de Rosalía de Castro.
Proseguindo coa celebración do Día de Rosalía terá lugar o concerto “Poesiacordes” o próximo xoves, 26 de febreiro, ás 19.30 h terá lugar no Espazo Sociocultural a cargo de Francisco Castro, escritor e músico, e de Valerio Araujo na percusión.

Será un encontro musical arredor da poesía galega con especial protagonismo para os poemas de Rosalía de Castro coma Negra Sombra, Maio Longo ou Adios Río, Adios Fontes. Pero tamén porán música a obra de Álvaro Cunqueiro, Curros Enríquez, Uxío Novoneyra. O concerto brindará tamén a oportunidade e escoitar os novos temas do disco “Cantos de amor e revolución” de Francisco Castro. Este evento musical dende o primeiro momento buscará a conexión entre o público e a música. Para celebrar o Día de Rosalía non faltará o “Caldo de Gloria” do que Rosalía falaba no seu poema “Miña casiña, meu lar” sumándose o concello de Tui un ano máis a esta iniciativa da Fundación Rosalía.
Exposición bibliográfica e obradoiro infantil en Mos
O Concello de Mos conmemora o nacemento de Rosalía de Castro, figura imprescindible da literatura galega e símbolo do Rexurdimento, cunha programación especial na Biblioteca Municipal María Magdalena dirixida a todos os públicos.
Con motivo desta data tan sinalada, do 23 ao 27 de febreiro poderá visitarse na biblioteca unha exposición bibliográfica adicada á autora, que ofrece un percorrido polas súas principais obras e polo legado literario e cultural que deixou en Galicia. A mostra permitirá redescubrir a forza e actualidade dunha voz que soubo reivindicar a identidade, a terra e a lingua galega a través dunha poesía fonda e comprometida. Ademais, o Concello quixo achegar a figura de Rosalía de Castro aos máis pequenos da casa cunha actividade específica para público infantil. Así, o sábado 28 de febreiro, ás 12:00 horas, celebrarase un obradoiro infantil de teatro e manualidades dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos.
A través de contos, xogos e actividades creativas, os participantes poderán coñecer a Rosalía de Castro dun xeito dinámico e adaptado ás idades máis temperás, fomentando o interese pola lectura e o respecto polo patrimonio literario galego desde a infancia. As inscricións poden realizarse no teléfono 986 33 80 80, sendo as prazas limitadas.
Con estas iniciativas, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e coa dinamización da Biblioteca María Magdalena como espazo de encontro, aprendizaxe e celebración da nosa identidade.
“Caldo de Gloria” no Porriño, As Neves e Balneario
Na Praza do Cristo, O Porriño, celebrouse un ano máis o acto “Caldo de Gloria” para conmemorar o aniversario de Rosalía de Castro, nunha xornada que reafirma o compromiso coa nosa lingua e coa nosa cultura. Cómpre agradecer, ano tras ano, a iniciativa do Departamento de Normalización Lingüística do IES Pino Manso e a participación dos colexios Quiroga e Santo Tomás, mantendo viva a figura de Rosalía e transmitir ás novas xeracións o valor da súa obra e do galego como sinal de identidade e orgullo colectivo.

Pola súa banda, As Neves tamén celebrou o legado de Rosalía de Castro conmemorando o seu “Caldo de Gloria”.
Así mesmo, o Concello de Mondariz Balneario homenaxea a Rosalía de Castro cun recital poético na praza que leva o seu nome, unha ofrenda floral e a degustación do caldo de gloria, todo amenizado pola mùsica de Mateo Sestelo.




