“Un Covelo máis humano, máis unido e máis orgulloso da súa xente”

Mensaxe de Nadal do Alcalde Juan Pablo Castillo Amigo

O Covelo | A continuación reproducimos integramente a mensaxe de Nadal realizado polo Alcalde do Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo.

Queridos veciños e queridas veciñas de Covelo:

Neste tempo de luces acendidas e camiños que nos levan de volta ás nosas raíces, quero dirixirme a vós cunha mensaxe saída do corazón. O Nadal sempre nos ofrece a oportunidade de mirar con calma o que fomos, o que somos e o que soñamos ser como persoas e comunidade. E, cando penso en Covelo, vénme á mente unha terra onde a unión, a entrega e o agarimo están moi por enriba das palabras.

Este ano, máis que nunca, quero agradecer o traballo de todas as persoa voluntarias, que ofrecedes as vosas mans discretas cando algo fai falta, sen pedir nada a cambio. Cada chamamento atendido, cada axuda ofrecida e cada pequeno xesto fixeron máis doado o camiño para moitas persoas e familias. A vosa entrega e traballo é un exemplo que honra ao noso concello.

O meu recoñecemento vai tamén para as asociacións veciñais e culturais, comisións de festas patronais e aos clubs deportivos. Sodes o latexo diario de Covelo: organizades actividades, mantendes viva a nosa identidade, acompañades a quen está só, crecedes cos proxectos que ides construíndo e facedes que cada parroquia e cada recuncho teña vida propia. Grazas polo voso tempo, pola vosa dedicación e pola vosa capacidade para sumar sempre.

Non quero esquecer as comunidades de montes, un piar fundamental na protección do noso territorio. Co voso traballo silencioso e constante, defendedes o noso medio natural, os montes que forman parte da nosa memoria colectiva, e garantides que sigan sendo un espazo de vida, encontro e futuro para todos nós.

Quero dirixirme tamén de maneira especial á mocidade de Covelo. A vós, que comezades a afrontar a vida con ilusión, con creatividade e coa valentía de quen non lle ten medo aos cambios. Precisamos das vosas ideas, do voso empuxe e da vosa capacidade para ver o mundo doutro xeito. Sodes unha parte esencial do que Covelo será mañá.

E, por suposto, ás nosas persoas maiores, quero enviarlles todo o meu cariño. Sodes a memoria viva, a experiencia que nos guía e a voz que nos lembra de onde vimos. Grazas polo voso exemplo, pola paciencia, pola sabedoría transmitida de xeración en xeración e pola vosa infinita capacidade para acoller, ensinar e acompañar. Sen vós, Covelo non sería Covelo.

Que este Nadal nos acolla xuntos, aínda que ás veces a vida nos leve por camiños diferentes. Que atopemos tempo para as pequenas cousas: unha conversa tranquila, un sorriso inesperado, unha lembranza feliz e compartida. E que o novo ano chegue cargado de saúde, forza e ilusión para seguir construíndo un Covelo máis humano, máis unido e máis orgulloso da súa xente.

Con todo o meu afecto e gratitude, en nome dos concelleiros e concelleiras da corporación municipal, feliz Nadal e próspero ano!

Alcalde Juan Pablo Castillo Amigo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.