Ponteareas | A cafetería “El Regreso”, gañadora do concurso Saborotea 2024, foi o lugar elixido pola Alcaldesa Nava Castro e o Tenente de Alcaldesa, Juan Carlos González, para presentar oficialmente e durante un almorzo informativo a programación definitiva do Corpus Christi 2025.
A cita deste ano destaca a vocación do Concello pola inclusión e “para todos”, tal e como manifestou González durante a súa intervención na que ofreceu detalles dunha programación que comeza o venres 30 de maio coa apertura dos portais alfombristas, música e exposición fotográfica.
Unha programación que durará ata o 5 de xullo e na que destacan actuacións musicais como o concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño na praza de Bugallal cun colorido espectáculo de luces; as actuacións de tódolos grupos folclóricos de Ponteareas; contacontos, exposicións, charangas e animacións; videomapping do Corpus; as tradicionais misas solemnes incluíndo as dos alfombristas falecidos e a Santa Misa o domingo 22 a cargo do bispo de Tui, Antonio José Valín; a lectura do Pregón dende o balcón do Concello, a cargo do ciclista ponteareán Borja Gómez, confirma a vocación inclusiva deste Corpus tomando en conta que este novel deportista ten o síndrome de Down. Os outros eventos a destacar son a procesión do Corpus o domingo 22 de xuño, o II Concurso de Balcóns Floridos e tamén o deporte co triatlón e o Torneo de Tenis Vila do Corpus, entre outras actividades.
O Corpus tamén ten o seu ámbito de difusión internacional. González informou da presenza de delegacións de Monção, Melgaço, Viana do Castelo, Arcos de Valdevez e Caminha; toda vez a Alcaldesa Nava Castro destacou a presenza da asociación británica Worshipful Company of Gardeners.
Castro tamén informou que a programación do Corpus será presentada o vindeiro 4 de xuño na Casa de Galicia de Madrid ante embaixadores de diversos países toda vez este ano visitará Ponteareas o embaixador de Malta en España para coñecer esta celebración do Corpus. A Alcaldesa tamén adiantou que está avanzando a candidatura do Corpus como Patrimonio Inmaterial da UNESCO.
Concurso de cartaces
Para chegar ao maior número de persoas o Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Turismo, publicou as bases do deseño do cartel da Festa do Corpus 2026. “Un concurso público con xurado, aberto e anónimo no que poderá participar calquera persoa física maior de 18 anos de xeito individual”, explica a concelleira de Turismo, Raquel Bautista.
Todos os carteis deberán estar relacionados coa festividade do Corpus Christi e as alfombras de flores que se realizan en Ponteareas con motivo desta festividade; as súas xentes, materiais, trazados ou deseños, entre outras cuestións relacionadas con esta celebración. Iso si, as e os participante deberán incluir no seu deseño obrigatoriamente a data de celebración “7 de xuño. Corpus Christi Ponteareas 2026” e a menor tamaño “Festa de Interese Turístico Internacional” e “Ben de Interese Cultural”. Na parte inferior do cartel terá que quedar libre unha franxa para colocar os logos da organización e patrocinadores.
Técnica
Cada persoa poderá presentar un máximo de dúas obras de creación propia, orixinal e inédita, de técnica libre dentro dos límites usuais para permitir unha normal reprodución fotomecánica, sen uso de intelixencia artificial.
O prazo de inscrición comeza ao día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o día 15 de outubro de 2025.
As bases poderán consultarse na páxina web municipal (www.ponteareas.gal) e nas redes sociais de Cultura e Turismo Ponteareas e nas do Concello. As obras presentaranse no correo electrónico: corpus@ponteareas.gal.