
Algún día teremos que pagar a nosa covarde indecisión, a falta de xenio e de non chantarnos mesmo con contundencia. Porque isto que sucede, despois de tantos séculos, é crueldade e sabemos, algún día pagarán os que tal cousa propuxeron, tamén os cómplices da desfeita.
Hoxe as redes chamadas “sociais” son o “mentireiro verdadeiro”, o lugar onde todos cospen o seu odio, os seus traumas. É o refuxio dos frustrados, o espazo de vendedores da súa propia alma, se é que a teñen. Alí vai parar o fume dos nosos lumes, para despois, desde outras contas falsas, alimentar a teoría do desprezo. Algúns presumen de caraduras nesa sorprendida imaxe de condescendencia. Exercen a súa alienación perversa, a única razón que teñen: a forza, a imposición. Fano desde palabras “cortadas e pegadas” incapaces de comprender, mais ofenden e doen. Son quen de traballar para vender o seu produto. Algúns ben o entenderán.
“A Nosa Lingua non está en xogo, non é negociable”
Xa está ben!. A Nosa Lingua non está en xogo, non é negociable. Nós si sabemos que a base de toda a nosa dignidade radica primeiramente nela e polo tanto, non se somete a discusión algunha, nin sequera a xuízo sumarísimo de tantos séculos de barbarie. A Historia faralles pagar o seu odio e rancor, a súa teima de chamarnos intrusos por reclamar o que é noso. A memoria dará nomes e imaxes da xente do rancor. O idioma, sempre o será Noso e non pararemos até telo en propiedade. Son vostedes os que negan xustiza, aquela xente que nega o noso dereito. Eles son quen furtan e invaden, queren impoñer o seu capricho.





