Un ano máis chega esta festa consoladora, as Letras Galegas.

Este ano a RAG vén de escoller para celebrar as Nosas Letras, a Cultura Tradicional. O Cancioneiro Popular Galego, o xeral, feito con tanto fervor por tanta xente e desque temos conciencia e uso dela. Agora signifícase nas cantareiras Adolfina e Rosa, Eva Castiñeira, Prudencia, Asunción e máis Manuela, portadoras desta Cultura secular, resón de voz e palabra, de valores, de música e canción, resistencia, herdo e dignidade. É unha proposta pola poesía oral transmitida en acenos de sonoros soportes que pon algo de rigor no ámbito cultural, literario e musical, sempre tan manipulado. O certo é que son mulleres e homes que portaron a bandeira sublime da fala, da arte, da música, do orgullo en danza e canción. Seres importantes, que aportaron informacións máxicas entre silencios de moitos e represalias de case todos.

Debérase facer, xa dunha vez, unha verdadeira homenaxe a toda a xente do rural que loitaron e defenderon as esencias desta nosa personalidade, as esencias do que somos e que fundamentan o que queiramos ser. Gardaron e contiveron o idioma, a fala, os vocabularios, a toponimia, a literatura, o teatro, a arquitectura, ríos e fontes, música e artes, artesanía e paisaxe, esta cor verde que nos envolve, esa que levamos prendida dos ollos. Somos quen, por obra e graza delas e deles. Xente de aldea si, en pé de resistencia coa palabra, coa música e canción, tamén co orgullo e a honra de ser. Fixeron resistencia nos peores tempos, cando afirmarse era un risco e estaba penalizado. Co noso beneficio, na razón esencial de pobo e nación, lugar que nos sitúa e dá ser. Empregaron a Lingua co seu son doméstico e cotián, na normalidade do uso, neste son antigo que nos inclúe e recoñece aínda en sete vocais, con miles de variables e matices.

“Debérase facer, xa dunha vez, unha verdadeira homenaxe a toda a xente do rural que loitaron e defenderon as esencias desta nosa personalidade”

Escribo isto, porque en realidade a miña vida enteira boteina a recoller e aprender delas e deles. Vivía do meu traballo docente, outra aplicación fermosa e gratificada que se inculpou desa ansia para aprender as formulacións doutra cultura paralela, que non viña nos libros. Nas aulas tiven a ousada tentación de dar clases de Galego, en galego. Nesa ousadía, o meu alumnado aproveitou para ser conspirador e sumouse ás recollas. Unha recolla por inmersión, desde dentro e a longo prazo. Aínda hoxe que vivo aquí, neste inacabado labor e son testemuña da cruel perda do Noso, Lingua e beleza, na que moitos nin reparan.

Tiña, xa entón, tantas preguntas por facer! Recibín miles de respostas que gardei en papel, na memoria e nas gravadoras. Outra cosmovisión exacta e precisa, capaz de endereitar conceptos, sementar soños. Por iso recollín toda a miña vida. Todo está no Museo do Pobo Galego, nun arquivo sonoro que se chama APOI. Coido que en boas mans.
Xa para rematar, debo dicir o que vexo desde a primeira liña do rural: a Nosa Lingua agoniante. Servilismos, cláusulas que nos impiden exercer a propiedade. Terán que corrixir decretos e actitudes, porque se hai algo máis dramático que a perda das nosas esencias nas vilas e cidades, é a perda que xa acontece nas aldeas. Desleixo e complexos inoculados a través de séculos, desprezo desde os despachos que fan deste lugar -que é Matria e Patria- un depósito dos seus lixos. Desfán a nosa tan fráxil harmonía. Este lugar que non morre, acábano!

E a RAG debera estar xa no seu sitio, que menos! Precisamente ela, debera posicionarse sen serventías reclamando a dignidade que nos corresponde. O cal non impide celebrar cantando ás Cantareiras todas!.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.