O agosto de 1936 foi tráxico. Na memoria de moitas familias que viviron a desatada represión exercida pola sublevación militar de 1936 provocara desolación e medo. Para lembrar aqueles dramáticos días organicei un acto na Casa da Cultura do Concello de Redondela. Participaron na mesa redonda catro persoas,víctimas da represión, que sufriran aquela barbarie: Isaac Díaz Pardo. Isabel Ríos, Xosé Mosquera e Enrique Líster. Antes, pola mañá, visitamos as illas de San Simón e San Antón, onde Mosquera e Manolo Barros,concelleiro, estiveran recluídos en presidio.
Relataballe ao meu amigo ao pé da estatuta de Castelao as vicisitudes polas que tiven que pasar en tempo de explendor cultural. Redondela era un facho que alumaba con gran lucerío en Galicia polas súas iniciativas innovadoras, que tantas envexas provocara fóra e dentro da cámara municipal, tanto polos que crían seren donos do discurso galeguista, como aqueloutros alonxados del.
O grandioso monumento erixido a Castelao, obra do escultor Alfonso Vilar de seis metros de altura, aproximadamente, feita por subscrición popular no que tanto empeño puxen para que se construíse, preside a alameda, na que a Casa do Concello contribúe a magnificar o espazo. Vexo ao canteiro Soliño subido nunha estada picando a denominación do edificio como Casa do Concello, a primeira en Galicia con tal nome.
A Casa do Concello evocoume o espazo que ocupei, un modesto despacho no que coa a única compaña de moitos libros, unha máquina de escribir e un teléfono, dei renda solta a miña imaxinación e vontade de irradiar en Galicia un modelo cultural con moitas propostas innovadoras para galeguizar as institucións públicas e a sociedade no seu conxunto. A memoria do labor realizado está na avultada hemeroteca que conservo. Cando as moitas ocupacións que aínda hoxe teño deixen de ser tan intensas dedicareime a escribir sobre aqueles anos, sorteando os atrancos que intentaban alterar aquel exitoso ciclo profesional.
Derrochei imaxinación para converter o Concello nun referente de galeguismo institucional. Velaí están o premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, primeira inicitativa mancomunada; a primeira campaña de normalización lingüística realizada en Galicia coas colaboracións de personaxes públicos que se puxeron ao meu dispor cedendo os dereitos de imaxe. Conseguín a modificación do marco lexislativo para que a lingua galega se puidese utilizar en distintos ámbitos da vida social; promovín reunións de alcaldes para galeguizar as festas populares coa campaña das “Mil festas máis para a lingua galega” e dinamizar a lingua galega nas actividades administrativas dos concellos, que se denominou “Declararación dos alcaldes galegos a prol lingua galega”, dando nós exemplo coa organización de cursos para o funcionariado e tradución do corpus documental administrativo; demandamos da Audiencia Territorial que se ditase a primeira sentenza en lingua galega despois de catroscentos cincuenta anos de proscrición. Grata lembranza me produce tamén ter contribuído a crear o arquivo municipal, que non existía, e de paso a organización doutros na provincia, mediando un curso para habilitar funcionarios no Arquivo Histórico Provincial cando era Pedro López o seu director.
Deidiquei horas para que a festa dos Maios rexurdise. Cando me encargaron de dinamizala, participaban sete grupos, anos despois chegaron a ser cincuenta e seis. Hoxe síntome orgulloso de que Redondela teña un conservatorio municipal de música. Todo empezou cunha aula de extensión do de Vigo. A píques estivo de ser pechada “polos seu custo”, acusándome de ser o causante de tal dispendio económico.
“Agosto é un mes para a lembranza colectiva, porque as festas festas multiplícanse; pero tamén porque o franquismo matou afeito a milleiros de persoas”
Tempo haberá,como dixen, para escribir unha voluminosa monografía do realizado naqueles anos. Non podo esquecer a importancia que tivo para Redondela o deseño que fixen dunha nova festa popular, a dos fachos.
Agosto é un mes para a lembranza colectiva, porque as festas festas multiplícanse; pero tamén porque o franquismo matou afeito a milleiros de persoas. E no que a min toca, porque pasei boa parte del detido e torturado na comisaría de policía de Vigo en 1975 pola miña implicación na política galega.
Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.