Un 8M reivindicativo en Salceda, Tui e Salvaterra

Diversas actividades con motivo do Día Internacional da Muller

Salceda de Caselas | O vindeiro domingo 8 de marzo, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, o Concello de Salceda de Caselas renderá homenaxe á súa veciña Amelia Cerqueira Estévez, que será homenaxeada como a primeira “Muller Infinita” do municipio.

A conmemoración polo 8M contará cunha ampla programación cultural e educativa que se prolongará ata o mes de maio. Está organizada en colaboración co tecido asociativo local, especialmente coa Asociación Treze Catorze. O teatro, a educación afectivo-sexual e o humor serán os eixos centrais dunha proposta que busca achegar á veciñanza os valores da igualdade e da xustiza social.

O acto principal terá lugar o propio domingo 8 de marzo ás 11:00 horas no Centro Social A Devesa, baixo o título “Muller Infinita”, dedicado a Amelia Cerqueira. A continuación, procederase á lectura do Manifesto pola loita dos dereitos das mulleres, no que participarán mulleres da Corporación Municipal e representantes do asociacionismo local. Para Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, “Amelia representa a forza, a resiliencia e o compromiso de xeracións enteiras de mulleres que construíron o presente do municipio”. Con este primeiro nomeamento de “Muller Infinita”, Salceda inicia un recoñecemento institucional que nace coa vontade de ter continuidade e de manter viva a memoria das súas referentes.

O recoñecemento “Muller Infinita” nace coa figura de Amelia Cerqueira Estévez, veciña de Salceda que cumprirá o vindeiro mes 90 anos. Nada en 1936, coincidindo co inicio da Guerra Civil Española, Amelia é a sexta de nove irmáns e representa a xeración de mulleres que medraron nun contexto de enormes dificultades sociais e económicas. Foi unha muller coidadora ao longo de toda a súa vida: atendeu ao seu irmán xordo, fíxose cargo dos seus sobriños cando a súa irmá emigrou, acompañou a unha veciña ata o final dos seus días e dedicouse plenamente á súa filla e netas. Nai solteira nun tempo no que a lexislación non recoñecía as familias monoparentais e no que os dereitos das mulleres eran practicamente inexistentes, afrontou a vida con valentía e determinación.

Amelia non puido asistir á escola e non sabe ler nin escribir. Mais iso non lle impediu ser unha muller independente, tanto económica como socialmente. É coñecida no municipio polo seu carácter loitador e traballador. Dedicou a súa vida ao pequeno comercio, vendendo pan ata pasados os 80 anos. Neste recoñecemento colabora tamén a Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda de Caselas (ACISA), que quixo sumarse a esta homenaxe a unha das mulleres precursoras do comercio local.  O Goberno municipal e a veciñanza de Salceda buscan con este acto render tributo non só a Amelia, senón tamén a todas aquelas mulleres que abriron camiño con esforzo, silencio e dignidade, sen pedir nada a cambio.

A maxistrada Paz Filgueira dará lectura ao manifesto do 8M en Tui
A maxistrada Paz Filgueira será mañá venres a encargada de dar lectura ao manifesto do 8M en Tui. Será no acto central que se celebrará dende ás 19 h no Teatro Municipal. Paz Filgueira na actualidade é maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela con competencia en violencia sobre a muller. É especialista en violencia de xénero no ámbito penal e laboral por acreditación do Consello Xeral do poder Xudicial, forma parte da asociación de Xuízas e Xuíces para a Democracia, na que durante tres anos coordinou a Comisión de Violencia de Xénero.

O acto, que será presentado por Paula Cabaleiro, comezará coa acción escénica “4.0”, da actriz, trapecista e bailarina Sue Moreno, un espectáculo que mestura técnicas aéreas de circo, teatro físico e música. A peza presenta, con humor e sensibilidade, a historia dunha muller que trata de conciliar traballo, vida persoal e maternidade, ofrecendo unha mirada divertida e ao tempo crítica sobre os retos da vida cotiá.

O programa incluirá tamén a actuación de varias agrupacións do Conservatorio Profesional e Elemental de Música de Tui que interpretaran diversas obras compostas por mulleres. Amais realizarase un recoñecemento á Asociación de Amas de Casa de Tui pola súa traxectoria de máis de tres décadas. O acto concluirá coa intervención institucional do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. Este acto central da programación do 8M co lema “Dereitos. Acción. Xustiza. Por e para todas1” comezará ás 19 h no Teatro Municipal, con entrada libre até completar o aforo.

Seminario de autoprotección en Salvaterra
Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Salvaterra de Miño anuncia o inicio dunha programación especial de actividades dirixidas ás mulleres que se desenvolverá durante os próximos meses, organizada pola Concellería de Igualdade. A primeira das actividades terá lugar o vindeiro 21 de marzo, de 17:00 a 20:00 horas, no Pavillón Cándido Carrera, cun Seminario de Autoprotección Feminina gratuíto impartido pola Asociación Woman Defense Solidaria, que contará con formadores procedentes de distintos puntos de España.

Durante o seminario traballarase sobre situacións reais, ofrecendo ferramentas prácticas para mellorar a seguridade persoal das participantes. O sistema de defensa que se impartirá está adaptado a todo tipo de idades (a partir dos 14 anos), complexións e estados físicos, co obxectivo de que calquera muller poida aprender recursos útiles para a súa autoprotección. Para participar na actividade recoméndase acudir con roupa cómoda, así como levar botella de auga e toalla.

As mulleres interesadas en participar deben inscribirse previamente a través do correo electrónico animacion@concellodesalvaterra.org ou chamando ao teléfono 617 189 167. Desde o Concello sinalan que nas próximas semanas iranse anunciando o resto de actividades que completarán esta programación especial para mulleres, impulsada pola Concellería de Igualdade con motivo dunha data tan significativa no calendario como é o 8M, Día Internacional da Muller.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.