Un 25X para medir o pulso político

PP, BNG e PSdeG celebraron o Día de Galicia con atención ao momento político

Santiago de Compostela | Como ben sendo tradición, a celebración do Día de Galicia este 25 de xullo congregou na capital Santiago de Compostela aos principais partidos e movementos políticos galegos que aproveitaron os actos institucionais para contextualizar esta celebración co pulso político a nivel galego e estatal.

PP: “A Galicia do sí”
Como manda o protocolo institucional, o “pistoletazo de saída” dos actos de conmemoración do Día de Galicia comenzounos o presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia (PPdeG) Alfonso Rueda. Un día antes, o 24 de xullo, condecorou coa Medalla de Galicia aos Alcaldes de Porto, Rui Moreira, e de Braga, Ricardo Ríos, nun guiño absoluto á revitalización da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e da cooperación transfronteiriza e do seu “gran potencial” como “faro de unión ante a auxe da polarización e dos extremismos”.

Xa metidos no 25X, Rueda e o PPdeG lanzaron a mensaxe institucional da “Galicia do Sí”, reiterando o emprego da sílaba “sí” como efecto simbólico en clave positiva da “Galicia do futuro” e da maioría absoluta que goza o PP na política galega. O lema: “miraremos cara diante con orgullo, forza e identidade”.

BNG reivindica o seu mellor momento
O principal partido de oposición, o BNG, volveu a congregar a milleiros de militantes e de simpatizantes na Praza da Quintana baixo o liderado da súa voceira nacional, Ana Pontón. O BNG quere capitalizar un bo momento político tralos históricos resultados das eleccións autonómicas de 2024, con 25 dos 76 deputados no Parlamento galego.

Foi un acto de reivindicación dun BNG “limpio de corrupción” que avanza nunha Galicia “pola que merece a pena loitar”. Sen esquecerse do apoio e solidariedade a Palestina, Pontón marcou a “folla de ruta” de cara ás autonómicas 2028: o “cambio imparable” apelando á “rebeldía e o inconformismo” co foco nunha “mocidade con futuro” para “chegar cada día a máis galegos e galegas”

PSdeG pide novo modelo de financiamento
Finalmente, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, honrou a Castelao en Rianxo defendendo unha Galicia “orgullosa da súa identidade”, centrando a súa atención na vivenda “como o gran problema de Galicia” e reivindicando “un novo modelo de financiamento con máis recursos adaptado ás nosas singularidades, suficiente e solidario”.

Os socialistas non dubidaron en censurar a xestión de Rueda na Xunta “por antepor os intereses galegos aos de Feijóo” e lamentando o rexeitamento constante do BNG: “Galicia non precisa iso, senón un galeguismo que una”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.