Un 25N de sensibilización contra a violencia de xénero

Diversos Concellos realizaron actos institucionais e coa cidadanía

Pontevedra | A continuación resumimos as actividades en torno ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller realizados este 25 de novembro en distintos Concellos do Condado/Paradanta, Louriña, Baixo Miño e Val Miñor.

En Tui, “o noso corpo, campo de batalla”
Baixo o lema “O noso corpo, campo de batalla”, o Concello apostou pola creación artística, a expresión performativa e a participación da comunidade escolar e da cidadanía con actos no Espazo Sociocultural, as accións artística “Poñéndonos nos seus zapatos” do CEIP Nº1 de Tui, performativa colaborativa con “Voces pola igualdade” e escénica “Cortar, refogar, afogar”.

A praza do Concello celebrou o acto coa cidadanía combinando novamente a expresión artística, a memoria e a palabra coa actuación musical da cantautora galega Sofía Espiñeira, Premio Martín Códax da Música 2022.

“Mos dá a cara”
O Concello de Mos conmemorou este 25N coa posta en marcha da campaña “MOS DÁ A CARA”, unha acción colectiva que reúne ao comercio e á hostalaría do municipio para visibilizar o seu compromiso fronte á violencia de xénero.

O cartaz da campaña, elaborado coas fotografías de profesionais de múltiples establecementos mosenses, simboliza a forza dun municipio que avanza unido na defensa da igualdade e do respecto.

Praza 25N no Porriño
O Porriño inaugurou oficialmente a nova Praza 25N, un espazo dedicado á memoria das vítimas e ao compromiso colectivo contra a violencia machista. A xornada reuniu alumnado, autoridades e veciñanza nun lazo humano, varias intervencións e a lectura do manifesto institucional.

Salceda coas persoas xubiladas
Tras un acto educativo na Praza do Concello, a conmemoración do 25N continuou en Salceda no Centro Social A Devesa coa participación da Asociación de Persoas Xubiladas e Pensionistas, loitando pola eliminación da violencia contra as mulleres.

En Baiona a violencia “ten nome”
O Concello realizou un acto institucional na que Irene Silva, artista local, presentou a instalación artística “Ten nome, Violencia machista”, con 41 siluetas que representan ás 38 mulleres asasinadas en 2025. A concelleira de igualdade, Sheila González Martíns, foi a encargada de ler a declaración Institucional aprobada por unanimidade no pleno municipal.

“10 meses, 10 cambios” en Mondariz Balneario
O Concello está a desenvolver en colaboración coa comunidade educativa, xunto ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, un proxecto de sensibilización e prevención da violencia de xénero titulado “10 meses, 10 cambios”.

O acto institucional do 25N reuniu a docentes, alumnado e veciñanza en xeral no que se gardou un emotivo e reivindicativo minuto de silencio en lembranza das 38 mulleres asasinadas pola violencia machista durante este 2025. Este domingo 30 de novembro haberá obradoiro de teatro Casa Aberta, unha iniciativa en prol da igualdade organizada polo Concello e levada a cabo pola nosa veciñanza.

No Covelo “non estades soas”
O Pleno do Concello de Covelo aprobou por unanimidade a declaración da FEGAMP contra a violencia machista.
O acto institucional do 25N levou a cabo a lectura da declaración da FEGAMP cun minuto de silencio polas vítimas na entrada do CEIP Antonio Blanco Rodríguez baixo o lema “Non estades soas”.

“Nin unha menos” nas Neves
O alumnado do CEIP Plurilingüe Marquesa do Pazo da Mercé e do IES Pazo da Mercé se sumaron á lectura do manifesto polo 25N, deixou por escrito os seus desexos para un futuro sen violencia machista, con mensaxes cheas de esperanza gardadas nunha cápsula do tempo e enterradas simbolicamente. Ao remate, entregáronse mochilas co lema “Nin unha menos”, un recordatorio visible do noso compromiso común.

 

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.