Turismo de Galicia contribúe a recuperar a Praia dos Franceses na Veiga

O proxecto inclúe duchas públicas, posto de socorrismo e mobiliario de praia

A Veiga | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou este venres a praia dos Franceses, no concello ourensán da Veiga, para comprobar o avance das obras de recuperación que se están a acometer, froito dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o concello ourensán.

Baixo este acordo, a Xunta inviste un total de 140.000€ dos 150.000€ orzamentados e supón“un paso máis para converter esta praia, ademais dun recurso para os veciños, tamén un motor económico que pode atraer a máis visitantes a un destino como A Veiga, que destaca pola súa oferta de natureza e interior”, como explicou o director de Turismo.

O proxecto de recuperación da praia dos Franceses encádrase na Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia e apunta cara a unha diversificación da oferta no rural, apoiando o turismo sostible e de interior. “Mediante esta acción, quérese promover o reequilibrio territorial dos destinos na comunidade poñendo en valor os recursos naturais e patrimoniais”, destacou o director da Axencia.

A praia dos Franceses está situada na marxe esquerda do río Xares, na contorna do encoro de Prada. Pese ao seu alto valor paisaxístico, detectáronse carencias nas infraestruturas de uso público que limitan o seu aproveitamento. En concreto, coa intervención búscase recuperar o espazo para o seu uso recreativo e turístico, mellorando a calidade ambiental e paisaxística e diversificando a oferta turística ao constituílo como espazo de baño e lecer e mellorar a súa accesibilidade.

Máis oferta náutica
Así, as obras céntranse na recuperación integral da praia, mediante a limpeza e rexeneración da contorna e o acondicionamento dos accesos. Crearanse tamén infraestruturas básicas de servizo ao visitante, como duchas públicas, un posto de socorrismo ou mobiliario de praia. O espazo integrarase coa oferta de actividades náuticas xa existente no encoro, de tal modo que amplíe as posibilidades turísticas existentes. Ademais, o proxecto abunda na recuperación dun espazo público emblemático, de importante simbolismo local, co que se quere contribuír ao benestar veciñal e a cohesión social.

Recuperación tras os incendios
O director de Turismo de Galicia avanzou que esta nova infraestrutura permitirá, tamén contribuír á recuperación turística de A Veiga tras os incendios forestais do pasado verán e indicou que neste contexto, é “fundamental a colaboración institucional para ofrecer cada vez mellores servizos”.

De feito, como engadiu, Turismo de Galicia está a demostrar o seu compromiso co rural a través de distintas accións como esta e, no caso concreto da recuperación das zonas afectadas polos incendios, está en marcha un paquete de medidas para o sector, coa campaña de promoción do destino que xa pode verse en máis de 100 medios nacionais.

Tamén recordou que outra das medidas está en marcha desde hoxe venres, cando abre o prazo que os establecementos turísticos afectados pola caída de facturación nos incendios forestais do pasado verán. A liña de achegas, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, forma parte dun paquete maior de medidas centradas no sector turismo. Está dotada cun total de 650.000€ e sufragará ata un 25% da perda de facturación cun límite ata 2.500. o prazo para presentar solicitudes remata o 24 de novembro.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.