
Rairiz de Veiga | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo esta mañá unha reunión coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade, na que esta lle trasladou todos os traballos que ten realizado o goberno municipal para solicitar a declaración da Romaría da Saínza coma festa de interese turístico nacional.
O director de Turismo de Galicia salientou a importancia deste recoñecemento para a promoción turística da comarca da Limia, en Ourense, e de Galicia, en xeral e manifestou o seu apoio á tramitación do expediente axilizando o informe autonómico previo á presentación de toda a documentación ante o Goberno central.
A Romaría da Sainza está declarada Festa de Interese Turístico Galego, cunha forte compoñente identificativa para os limiaos. Vense celebrando desde 1840, data na que se incorpora o Combate de mouros e cristiáns, congregando cada domingo próximo ó 24 de setembro a miles de romeiros. No campo do castelo da Saínza ten lugar o Ataque, representación da batalla entre os dous bandos representantes do ben e do mal, que finaliza coa vitoria dos cristiáns sobre os mouros e a queima do castelo rebelde. Na foto Xosé Merelles con Asunción Morgade.




