Tui | “Destino, unha peregrinación de Manuel Valcárcel” é o título da exposición que esta mañá foi inaugurada na Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez de Tui. A mostra está organizada pola Afundación, Obra Social de ABANCA.
No acto de apertura participaron Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, José Luis Romero Quiroga, Coordinador Institucional de Abanca, Belén Gayo López, directora da oficina de Abanca de Tui, e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, agradeceu a Afundación ABANCA ter elixido Tui “como sede desta exposición itinerante, que ademais a temática da mesma creo que entronca perfectamente co que foi e co que é Tui nestes momentos, que é un lugar de peregrinaxe”. O rexedor tudense engadiu que a mostra, nun itinerario por catro continents “vai pondo en valor unha serie de principios humanos e polo tanto, creo que é realmente interesante”. Convidou á veciñanza a visitar a mostra e reiterou “o compromiso deste concello a seguir colaborando en todas as iniciativas de tipo cultural, como pode ser esta exposición.”
Pola súa parte Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, explicou que Manuel Valcárcel, fotógrafo galego, plantéxanos nesta exposición “unha mostra documental sobre catro viaxes que realizou, en catro continentes diferentes, e que el viviu como auténticas peregrinacións persoais”. Sinalou que “é unha forma de exaltar diferentes valores”, nese senso “vainos levar ao Tibet e vainos falar do perdón; vainos levar a México e vainos falar da familia, vainos falar de esperanza na peregrinación do Camiño de Santiago e nos vai falar de amor na peregrinación a Senegal”. Así “Destino” ofrece non so unha viaxe por diversos lugares senón tamén “unha viaxe de introspección que realizou o propio fotógrafo e que nos conta nas cartelas que acompañan ás fotografías cheas de luz, cor e diversidade”.
Destino é un proxecto persoal do afamado fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel que comezou no ano 2016 a modo de peregrinación interior por catro continentes que van unindo historias ligadas entre si. As fotografías retratan as súas viaxes no Tibet, en Senegal, e en México. Complétase coas súas dúas últimas viaxes a La Casa de los Dioses, en León e a distintas localidades galegas.
A mostra componse de catro peregrinacións en catro países de catro continentes, baseándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo sino. Concíbese esta expedición como unha viaxe en espiral de seres humanos unidos e guiados polo destino, na busca de respostas a preguntas universais que nos alcanzan a todas as persoas do mundo.
Á súa vez, esta exposición realiza a súa particular viaxe polas diferentes localidades de Galicia nas que se mostra dentro do programa Corrente Cultural, que permite á Afundación programar actividades culturais, grazas á colaboración cos concellos e con Abanca e neste caso concreto co Concello de Tui.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta mostra fotográfica resulta de grande interese tanto pola calidade das imaxes que podemos contemplar como polo feito de que o fotógrafo Manuel Valcárcel consigue transformar estas viaxes físicas en verdadeiras viaxes espirituais, unha peregrinación que encaixa perfectamente co significado do Camiño de Santiago, que en Tui como capital do Camiño Portugués adquire un maior significado.
A exposición pode visitarse até o 8 de novembro de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados 9 a 13 h, na Sala de Exposicións Municipal no edificio Francisco Sánchez.
Preparando a San Silvestre Solidaria
A organización da IV San Silvestre Solidaria Tudense reuniuse esta mañá para planificar a proba deportiva que se celebrará o mércores 31 de decembro, a partir das 10.30 horas. Agardan superar a cifra de participantes da edición pasada, na que máis de 1.900 persoas celebraron o fin de ano de xeito deportivo, festivo e solidario, sendo as doazóns a favor da Asociación Española Contra o Cancro.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a presidenta do Club Atletismo Tui, Cristina Piñeiro, a responsable da AECC do Baixo Miño, Pilar Barbosa, a responsable do departamento de sostenibilidade económica da AECC en Vigo, María Gómez, xunto cos responsables das concellerías de Servizos Sociais e Deportes do Concello de Tui, mantiveron a primeira reunión de planificación do evento, que contará tamén coa colaboración da Policía Local e os voluntarios de Protección Civil de Tui, así como co apoio de varias empresas locais.
As inscricións realizaranse a partir do 1 de decembro, a través da páxina web do Club Atletismo Tui, facendo a doazón voluntaria a favor da AECC.
Todas as persoas que participen recibirán unha camiseta conmemorativa, e ao remate da proba, contarán cun avituallamento e chocolatada con rosca, así como con doce uvas, para brindar de forma adiantada polo fin do ano.