
Tui | Tui recupera a senda fluvial do río Caselas e restaura dous muíños ao seu paso grazas ao convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Coas obras xa rematadas, unificáronse dous espazos naturais privilexiados: a senda do Miño entre Tui e Caldelas, e a senda do Caselas que comunica con Salceda.
Hoxe luns Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, e José Antonio Quiroga, presidente da CHMS, visitaron a senda. Participaron tamén na visita a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, o concelleiro de Espazos Naturais e Áreas de Lecer, Miguel Méndez, e técnicos da Confederación.
As obras supuxeron un investimento de 935 mil euros, dos que a CHMS aportou 748 mil e o Concello 187 mil euros.
Os traballos desenvolvéronse en dúas fases. A primeira delas consistiu nas obras de restauración e posta en valor do Muíño do Medio, no Souto de Arriba, e do Muíño da Seña. A segunda fase comprendeu a execución da senda peonil, de 1,3 quilómetros, na marxe dereita do río Caselas, no termo municipal de Tui.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca esta obra como “clave e estrutural, que comunica dúas comarcas e dous concellos nun espazo único”. Salienta o rexedor tudense a “estreita colaboración da CHMS, que dende o ano 2023 leva investidos en Tui preto de 4 millóns de euros”. Avanzou a aprobación da sinatura dun convenio para un novo paso sobre o Louro debido aos problemas de afundimento do actual.
O presidente da Confederación, José Antonio Quiroga, incidiu en que esta obra supón a “consolidación de patrimonio etnográfico como os muíños, bens esenciais na nosa xeografía”. Reafirmou a colaboración da CHMS co Concello de Tui para “mellorar as condicións de vida da veciñanza”.




