Tui participa no Consello Autonómico da Infancia e Adolescencia

Eva, integrante do grupo “ParTUIcipando”, asumirá a súa representación

Tui | O Concello de Tui segue a estar presente no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, CAIA, asegurando así a continuidade da voz das crianzas e mocidade tudense neste espazo autonómico de participación. Nesta nova etapa, será Eva, integrante do grupo “ParTUIcipando”, quen asuma a representación das nenas, nenos e adolescentes de Tui durante os vindeiros dous anos. Toma así o relevo de Adela, que foi a representante tudense até o de agora.

O CAIA é un órgano da Xunta de Galicia que busca fomentar a participación real da infancia e adolescencia, brindándolles un foro desde o que poder compartir as súas opinións, lanzar propostas e implicarse nas decisións que lles afectan, xa sexa de maneira directa ou indirecta, no eido galego.

Este consello está integrado por trinta rapaces e rapazas de diversos concellos que contan con estruturas de participación infantil e xuvenil, así como por representantes de entidades que traballan coa infancia e do sistema galego de protección.

Na reunión do pasado mércores, o grupo participante tivo a oportunidade de conversar con Jacobo Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e con Belia Méndez, subdirectora xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte. Durante o encontro, abordaron iniciativas destinadas a impulsar a participación da infancia no ámbito deportivo.

Jacobo Rey destacou a importancia do labor desenvolvido polo Consello e reafirmou o compromiso da Xunta de seguir escoitando activamente á mocidade galega. Ademais, aproveitou para dar unha afectuosa benvida ás novas incorporacións do grupo.

Dende o Concello de Tui, a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, resalta o importante labor que realiza o grupo ParTUIcipando a nivel local, e a importancia de que unha das súas integrantes forme parte tamén do Consello Autonómico. Lembra a concelleira coma dende o Concello de Tui continúase a traballar para lograr ser recoñecidos coma Cidade Amiga da Infancia pola UNESCO.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.