Tui e Valença: unha ponte internacional con 140 anos de unión e solidariedade

Os respectivos Alcaldes realizaron a solta simbólica de 250 pombas

Tui | Tui e Valença celebraron este 25 de marzo o 140 aniversario da Ponte Internacional que une os dous municipios, e que dende hai máis dun século é símbolo de cooperación entre unha e outra beira do Miño.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, xunto a membros das corporacións municipais, realizaron a solta simbólica de 250 pombas, e ambos coincidiron en sinalar como esta Ponte, obra do arquitecto Pelayo Mancebo, é moito máis que unha infraestrutura que comunica dous países, xa que simboliza á perfección os valores europeos de cooperación, liberdade e fraternidade.

Así o explicaba Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, afirmando que a ponte “simboliza a unión que historicamente houbo entre os dous pobos e simboliza os valores e os principios sobre os que se asenta a convivencia e o marco democrático que nos deron aos cidadáns no marco da Unión Europea”. Afirmaba que en momentos complexos como os que estamos a vivir “máis que nunca son necesarios estes actos que simbolizan esa fraternidade que debe existir entre os pobos”.

No mesmo senso o presidente da Cámara de Valença, José Carpinteira, sinalou que o desta mañá foi “un acto simbólico para testemuñar a nosa forza e vontade de colaborar cada vez máis”. Aquí se simboliza o que a Unión Europea defende de fraternidade, liberdade e cooperación entre os pobos”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.