Fondos FEDER en conxunto para Tui e Salvaterra

A través da constitución dunha Área Funcional

Tui | A concesión dunha nova achega de fondos europeos vén de consolidar ao Concello de Tui como referente en Galicia e en España na captación de recursos da UE. O Concello de Tui vén de recibir a comunicación da resolución provisional do Ministerio de Hacienda de 4.365.152 euros procedentes dos fondos europeos FEDER, destinada ao desenvolvemento do Plan EDIL. Esta achega permitirá mobilizar un investimento global de 7.275.253 € que transformarán o municipio e mellorarán ás infraestruturas das parroquias.

O Concello de Tui constituíu co de Salvaterra de Miño unha Área Funcional, sumando así máis de 20 mil habitantes, para poder concorrer a esta convocatoria. O proxecto presentado conxuntamente por estes dous municipios está entre os 26 galegos que foron seleccionados nunha convocatoria altamente competitiva na que figuran as sete grandes cidades de Galicia e outros municipios de referencia.

O alcalde e o equipo de goberno destacan que esta importante subvención é froito do traballo constante de planificación, xestión e defensa dos intereses da cidade en Bruxelas e Madrid, consolidando a capacidade de Tui para captar recursos europeos en beneficio da veciñanza. Neste senso o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirma que “o nivel de xestión deste goberno municipal sigue sendo altamente positivo e así o reflicten as cifras”.

O río Miño é o eixo vertebrador deste proxecto, presentado conxuntamente co concello de Salvaterra, e que no caso tudenses contempla unha serie de actuación nas parroquias ribeireñas de Areas, Baldráns, Paramos, e Caldelas co obxectivo de levar a cabo a recuperación de elementos patrimoniais, adecuar zonas verdes, e actuar no ámbito da mobilidade, sostibilidade urbana, a rexeneración de espazos públicos, e a cohesión social, aliñadas cos obxectivos da Unión Europea e orientados a construír unha cidade máis moderna, habitable e inclusiva.

Precisa amais Enrique Cabaleiro, que aínda que o marco temporal para desenvolver as actuacións é de catro anos no caso de Tui ao contar coa case totalidade dos proxectos proxectos redactados e viabilizados poderían licitarse xa unha vez se transfiran os fondos.

Explicaba amais o alcalde de Tui que nos dous últimos mandatos o Concello de Tui ten acadado preto de 15 millóns de euros de fondos europeos a través de distintos programas, moitos de carácter trasfronteirizo. Afirma o mandatario municipal que “o Concello de Tui senón é o único, si que podería ser un dos poucos concellos de menos de 20 mil habitantes que máis fondos europeos leva acadado de toda España” o que sinala que “é unha noticia sumamente importante da que nos debemos sentir todos moi orgullosos”.

Con esta adxudicación, Tui consolida a súa posición como un concello exemplo de xestión eficaz e visión de futuro, reafirmando o seu compromiso de seguir traballando na captación de fondos europeos e estatais para garantir o progreso da cidade sen sobrecargar os recursos municipais.

Mes da Biblioteca
Nove actividades conforman o programa co que a Biblioteca Municipal de Tui vai celebrar o “Mes da Biblioteca” coincidindo co Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro. Dende 1997 esta conmemoración é impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, e á mesma fóronse sumando, xa dende hai algún tempo, as bibliotecas nas súas diversas modalidades e titularidades.

O lema deste ano “Contra a desinformación: bibliotecas” pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.

As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso axeitado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas. O cartel conmemorativo deste ano 2025 é obra da ilustradora Laura Wächter.

A programación do Mes da Biblioteca aborda varias liñas de actividades para achegar aos diversos sectores sociais a súa oferta de información, formación e lecer.

Así por unha parte ao longo de todo este mes o Paseo de Corredoira acollerá unha exposición titulada “Tui en letras” con oitos poemas escolmados vinculados á nosa cidade e a súa contorna. Por outra parte dende o xoves 9 a Sala Municipal de Exposición acollerá a exposición fotográfica fotografía “Destino” unha peregrinación” de Manuel Valcárcel, de Afundación.

Ademais ao longo do mes de outubro haberá catro contacontos para os usuarios máis cativos da Biblioteca Municipal. O martes 7 Trinketrinke Teatro presentará “Viaxes e cancións dos ratos de Lonxetodo”, o martes 14 Lalá Teatro acollerá “Estás como unha cabra”, o martes 21 Manuela Contacontos achegará “O gato con contos”, e o por último o venres 24 Lucía Aldao contará “A vez que vivín nun libro”. Todas estas actividades serán ás 17.30 h.
Amais o mércores 8, ás 19 h terá lugar unha visita guiada á biblioteca de cinema de Daniel Domínguez a cargo de Ángeles García e Ángel Sánchez e Pablo Comesaña de Play Doc.

O sábado 18, ás 19 h, haberá a presentación da primeira novela do tudense Alfonso Fontenla Fernández “La metáfora de las canicas”.

Finalmente o sábado 25, ás 17.30 h, a Biblioteca colabora no recital poético promovido polo escultor Diego de Giráldez arredor da escultura de D. Ricardo García no Paseo da Corredoira.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, destaca que esta nova proposta de actividades da Biblioteca Municipal é unha excelente oportunidade para achegarse a este centro bibliotecario que traballa cada día para ser un espazo de proximidade coa cidadanía, un ámbito de socialización e intercambio de ideas, que procura facilitar o acceso a información e o coñecemento a todos e todas se exclusión algunha, cun acceso libre, gratuíto e superador das fendas sociais.

Programación:
Martes 7
– Contacontos “Viaxes e cancións dos ratos de Lonxedetodo” con Trinketrinke Teatro
– Biblioteca Municipal – 17,30 h.
– Programa “Ler conta moito”

Mércores 8
– Visita guiada á Biblioteca de cinema de Daniel Domínguez.
– A cargo de Ángeles García e Ángel Sánchez e Pablo Comesaña, promotores de Play Doc.
– Biblioteca Municipal – 19,00 horas.

Xoves 9
– Exposición de fotografía “Destino” unha peregrinación de Manuel Valcárcel, de Afundación. Ata 9 de novembro.
– Sala Municipal de Exposicións – Inauguración ás 11,00 horas.

Martes 14
– Contacontos para bebés: “Estás como unha cabra” de Lalá Teatro
– Biblioteca Municipal – 17,30 horas
– Programa “Ler conta moito”

Sábado 18
– Presentación da novela “La metáfora de las canicas” do tudense Alfonso Fontenla Fernández
– Sala “Félix Rodríguez González” – 19,00 h.

Martes 21
– Contacontos “O gato con contos” con Manuela contacontos
– Biblioteca Municipal – 17,30 h.
– Programa “Ler conta moito”

Venres 24: Día da Biblioteca
– Contacontos “A vez que vivín nun libro” con Lucía Aldao
– Biblioteca Municipal – 17,30 h.
– Programa “Ler conta moito”

Sábado 25
– Recital poético no Paseo da Corredoira promovido polo pintor Diego Giráldez (autor da escultura a D. Ricardo García)
– Paseo da Corredoira – 17,30 h.

Durante todo o mes:
– Exposición “Tui en Letras” no Paseo da Corredoira.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.