Tui e Mos renovan o seu compromiso cos nenos refuxiados saharauís

Dentro do programa “Vacacións en Paz" organizado por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí

Tui | Yiusef, Ahmed, Yusef e Yahida son os nenos saharauís que pasarán o verán con familias acolledoras de Tui grazas ao programa Vacacións en Paz que promove Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Esta mañá foron recibidos, xunto ás súas familias, na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira, Ana Mª Núñez, e os concelleiros Rafael Estévez e Ismael Diz, tras chegar esta semana a Galicia.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, deulles a benvida a Tui un verán máis, xa que todos eles repiten estadía na cidade, ao tempo que amosou o agradecemento as tres familias tudenses que acollen a estes tres nenos e unha nena, que grazas á súa solidariedade poderán gozar dun verán lonxe das extremas temperaturas que se acadan nos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf. Este pequenos e pequena terán así a oportunidade de compartir coas súas familias acolledoras novas experiencias na praia, no río, no monte… e practicar actividades propias da época estival. A súa estadía en Tui permítelles amais o acceso a revisións médicas ou consultas especializadas no caso de ser preciso.

Como mostra de benvida, o Concello de Tui fixo entrega a estes nenos e nena dunha mochila e de distintos xogos cos que de seguro desfrutarán durante a súa estancia no municipio. Coa participación neste programa, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso coa solidariedade internacional e co benestar da infancia.

En Mos participarán en campamentos infantís
O Concello de Mos deu a benvida aos primeiros nenos e nenas saharauís que pasarán o verán no municipio grazas ao programa solidario Vacacións en Paz, promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

En total, está previsto que este ano cheguen a Galicia 330 menores procedentes de diferentes campamentos de refuxiados saharauís, dos cales cerca algo máis de dun centenar pasarán os meses de xullo e agosto con familias acolledoras da provincia de Pontevedra, sendo 9 (o 10%) as familias acolledoras mosenses.

A recepción oficial celebrouse no Pazo de Mos cos concelleiros Feli Rodríguez e José Ramilo en representación municipal. O Concello de Mos colabora activamente coa iniciativa mediante un convenio anual coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, no que se inclúe unha achega económica, o desprazamento dos menores en autobús dende o aeroporto de Peinador, e a cesión de espazos como o auditorio do Pazo de Mos para a recepción.

Durante a súa estadía, os nenos e nenas acollidas poderán participar de forma gratuíta en actividades organizadas polo Concello como o campamento municipal infantil Mañás de Verán, saídas á piscina ao aire libre de San Eleuterio, festas e eventos municipais, entre outras propostas culturais, lúdicas e deportivas.

Un dos piares do programa Vacacións en Paz é a atención sanitaria, para a cal existe un convenio co Sergas que garante a realización de revisións médicas, a administración de vacinas e o seguimento da saúde dos menores, facilitando un acceso a servizos aos que non poden optar nos campamentos de orixe.

Con esta acollida temporal o Concello de Mos trata de mellorar a calidade de vida destes pequenos e pequenas, xa que a súa acollida temporal é “unha necesidade urxente”: están a vivir situacións moi difíciles, con escaseza de axuda humanitaria e temperaturas que superan os 50ºC nos meses de verán. O Concello de Mos participa neste programa dende hai anos, reafirmando o seu compromiso cunha causa solidaria que cada verán trae sorrisos e esperanza a nenos e nenas que máis o precisan.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.