Tui dignifica a 137 represaliados pola ditadura

A Corporación Municipal acordou por unanimidade a nulidade dos seus xuízos e sancións así como un monumento reivindicativo na Alameda de San Domingos

Tui | A través dun texto promovido polo colectivo Levada Libre, o Concello de Tui solicitou ante os organismos competentes a declaración de ilexitimidade e nulidade dos xuízos e sancións ditados por motivos políticos, ideolóxicos, ou de conciencia durante a ditadura a 137 persoas naturais de Tui das que 70 foron executadas ou paseadas, e 67 procesadas ou sancionadas.

A corporación municipal acordou tamén colocar unha placa de lembranza e desagravio na que figuren os nomes dos carabineiros e mariños que foron degradados e executados polos militares sublevados por defender e ser fieis ao goberno legalmente establecido da República. Outra das accións a levar a cabo será a colocación, na Alameda de San Domingos, onde foron fusilados veciños e veciñas de Tui en 1936, un bloque de pedra do país co nome das persoas represaliadas por orde alfabética.

Por outra banda, o Concello amosa a súa satisfacción pola identificación na fosa común de Soutelo, en Salceda, do tudense Manuel Fernández Diz, veciño das Bornetas, que en 1936, fora asasinado e soterrado nesta fosa común. No mes de xaneiro a súa sobriña neta, Gachi Fernández, regresou a Tui na procura das súas orixes, unha investigación que iniciou hai sete anos e que agora culminou tras a identificación do seu tío avó.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.