
Tui | A ritmo de composicións de Strauss, Anderson, Bach, ou Bizet Tui vai despedir o ano con música da man da Banda de Música Popular de Tui e o grupo Píscore. A cita será este venres, 26 de decembro, ás 20.30 h no Teatro Municipal de Tui co Concerto de Fin de Ano organizado polo Concello de Tui.
A Banda de Música Popular de Tui segue a innovar os seus concertos e a compartir escenario con outras agrupacións para brindar así un espectáculo único. Nesta ocasión será co grupo Píscore formado por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas. Esta agrupación mestura na súas actuacións música, humor, ritmo e comedia xestual.
Os catro integrantes de Píscore sumaranse ao medio centenar de músicos e músicas da Banda de Música Popular de Tui. Baixo a dirección de Eloy Carrera abrirán o concerto o enérxico ritmo da polca “Truenos y Relámpagos” de Johann Strauss, continuarán coa divertida e orixinal “The Typewriter” de Leroy Anderson. O programa a interpretar inclúe a “Fuga” de Johann Sebastian Bach caracterizada pola melodía principal entra en contrapunto con distintas voces. O escenario vivirá un aire festivo e emotivo con “Let’s Be Happy” do clarinetista Giora Feidamn, para continuar coa alegre “Tritsch-Tratsch Polka”, de Johann Strauss.
O espectáculo musical que ofrecerán Píscore e a Banda de Música Popular de Tui proseguerá coa interpretación de “Carmen” de Bizet, “Martina”, e “Raquetas” con arranxos de Adrián Saavedra. Xa na parte final será momento de escoitar a banda sonora “Manhá-Manhá (Mah Nà Mah Nà)” de Piero Umiliani, para pechar coa emblemática “Marcha Radetzky”. Tui despedirá así o ano cunha viaxe musical por diferentes estilos marcada polo dinamismo, a alegría e humor da man da Banda de Música Popular de Tui e do grupo Píscore. Ás entradas para o concerto están á venda en tui.gal aos prezos de 5€ e 3€.
Concerto de Nadal con María do Ceo
A catedral de Santa María de Tui acolle este domingo, 28 de decembro, ás 18 h un “Concerto de Nadal” a cargo da fadista María do Ceo. Trátase dunha proposta musical pensada para estas datas tan sinaladas e para conmemorar os 800 anos da consagración da catedral de Tui. Este concerto está organizado polo Cabido da Catedral tudense coa colaboración do Concello de Tui.

O concerto permitirá ao público gozar da voz dunha das intérpretes máis recoñecidas do panorama galego-portugués, cun repertorio que combina tradición, emoción e sonoridades propias do Nadal. O programa estará composto por diferentes panxoliñas, escoitaranse pezas populares da tradición galega, como “Por entre as silveiras” ou “Os paxariños”, e tamén de Portugal, como “Em noite tao fría” ou “Cançao de embalar”. María do Ceo, nacida en Portugal e afincada en Ourense desde a infancia, desenvolveu ao longo de varias décadas unha sólida carreira musical marcada pola fusión de influencias galegas e portuguesas. Cun estilo persoal que mestura a melancolía do fado coa sensibilidade da música galega, conta cunha ampla discografía e cunha intensa traxectoria sobre os escenarios, tanto a nivel nacional como internacional. Ao longo da súa carreira publicou máis dunha ducia de traballos discográficos e recibiu numerosos recoñecementos pola súa achega á música e á difusión da cultura a ambas beiras do Miño, ademais de colaborar en proxectos audiovisuais e escénicos. O acceso é libre, ata completar aforo.




