Tui da a benvida aos peregrinos do Camiño Portugués

Con bandeirolas no casco histórico tudense

Tui | As rúas de entrada ao conxunto histórico de Tui, concretamente a rúa Sanz e un treito da rúa Seixas locen dende hai varios días diversas bandeirolas co obxectivo de dar a benvida aos peregrinos que chegan ata Tui polo Camiño Portugués. Foron instaladas pola Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Tui.

Para o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, esta iniciativa de Turismo de Galicia contribúen ao ornato das vellas rúas tudenses que acollen estas xornadas a un número crecente de peregrinos que visitan a nosa cidade, punto de confluencia dos Camiños Portugueses e, por tanto, porta de entrada do Camiño de Santiago en Galicia a través da ponte internacional.

Esta iniciativa posúe o dobre obxectivo de darlle a benvida aos peregrinos así como animar e sensibilizar ás poboacións de vilas e cidades galegas das rutas xacobeas da súa pertenza aos Camiños de Santiago, promovida pola Vicepresidencia primeira a través de Turismo de Galicia coa denominación de proxecto Xacobeo Benvida, no marco da programación da celebración do Xacobeo 21-22.

Xacobeo Benvida é un proxecto no que se engalan diferentes tramos dos Camiños de Santiago ao seu paso por 37 cascos históricos das catro provincias.

En total, algo máis de 200 bandeirolas decoradas con motivos xacobeos cos que se quere implicar á veciñanza na celebración deste Ano Santo excepcional. Esta decoración, coa que se busca facer máis visible a celebración do Ano Santo e do Xacobeo en todo o territorio galego, permanecerá pendurada ata o 30 de outubro, lembrando o vencello destes concellos coas Rutas Xacobeas.

Máis de 8.000 turistas en xullo
Durante o mes de xullo na Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui atendéronse a 8.684 persoas que demandaron información turística sobre a localidade e a contorna, e sobre o Camiño de Santiago.

Así do total de consultas recibidas 6.638 foron realizadas por turistas e 2.046 por peregrinos. Do 22 ao 31 de xullo foi cando se rexistrou a maior afluencia de persoas a este punto de información turística con 3.564 consultas, unha cifra que duplica a da semana do 8 ao 14 de xullo cando 1.569 persoas se achegaron até a Oficina de Turismo na praza de San Fernando.

Bandeirolas polo casco histórico de Tui.

O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, manifesta que ““os datos son alentadores e permiten ver con certo optimismo o futuro”. Engade que “no número de turistas estamos en cifras semellantes ás do ano 2019, e en peregrinos hai un pequeno descenso motivado polos requisitos para poder tomar vos internacionais”. Destacaba coma as persoas que este verán están achegándose a Tui “quedan sorprendidos e asombrados pola fermosura da cidade, e valoran que Tui poida ser un punto neurálxico para coñecer a comarca, o Norte de Portugal e incluso as Rías”

O edil de Turismo destacaba coma estes días a visita ao Museo Diocesano, ou á Mostra de Traxes Tradicionais no cárcere vello, son un atractivo máis para os visitantes que se achegan á cidade.

A Oficina Municipal de Turismo de Tui está situada na praza de San Fernando, a carón da Catedral. Abre de luns a domingo de 9.30 a 14 h e de 16 a 19 h, e se pode contactar coa mesma a través do teléfono 677 41 84 05.