Tui | Un itinerario peonil seguro, un gran espazo público e un campo da feira serán o resultado da reforma da rúa A Guía, en Randufe. O goberno de Tui vén de solicitar á Rede ÁGORA da Deputación de Pontevedra o seu apoio para executar este proxecto que actuará en 1.282 m2 para conectar dun xeito seguro o norte da parroquia coa contorna da igrexa de Santa María da Guía.
O alcalde, Enrique Cabaleiro ,explica que a rúa A Guía é unha vía secundaria que da servizo e acceso ás vivendas do núcleo sendo posible xerar un itinerario peonil de calidade que comunique a zona norte do núcleo co centro (a contorna da Igrexa de Santa María da Guía) dando lugar a un gran espazo público con zonas verdes e un campo da feira e recuperando para as persoas 1.177 m2.
As actuacións proxectadas están enfocadas á recuperación dun espazo público de clara prioridade para o automóbil, con calzada de pavimento asfáltico sen apenas ter beirarrúas e de deficiente iluminación. O proxecto establecerá a prioridade peonil, impoñendo unha restrición dos vehículos, autorizando unicamente o tráfico de necesidade. Os espazos proxectados estarán deseñados de xeito que garantan a accesibilidade universal e devolvan o uso principal do espazo público aos peóns. O goberno de Tui avanza na súa estratexia de crear un espazo público seguro e amable no que maiores e nenos/nenas non atopen dificultades. Ademais, a veciñanza da zona gañará en seguridade e tranquilidade.
Substituír o firme do ámbito con pavimentos de gran calidade, como lousa, adoquín de granito ou formigón lavado e a dotación de mobiliario urbano e iluminación, son algúns dos traballos que contempla a obra.
Fomentar a mobilidade segura a pé ou en bicicleta, volver conectar barrios con itinerarios amables e xerar espazos de convivencia e interacción social son algúns dos obxectivos que se contemplan non só na Rede ÁGORA, tamén no Pacto das Alcaldías e nos obxectivos estratéxicos da Axenda Urbana de Tui.