
Tui | Este venres 21 celébrase o acto “Tui coas mulleres de Gaza” ás 19 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, coa actuación da cantante galego-palestina Najla Shami e cunha lectura colectiva. Este acto forma parte da programación organizada polo Concello de Tui baixo o lema “O noso corpo campo de batalla” con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, alzando a voz contra o ataque aos dereitos humanos que está a acontecer en Gaza.
Najla Shami, nacida en Santiago de Compostela, é vocalista e compositora, filla de dúas culturas: palestina e galega. Dende nena formou parte de coros polifónicos e grupos de música tradicional galega, e aos 17 anos comeza a tocar a guitarra. Influenciada polo jazz, rock ou rock music, incorpora sonoridades de Brasil e África mesturadas coas súas raíces.
Debutou en 2013 co disco-libro “Na lingua que eu falo”, unha elegante e profunda ollada sobre os poemas de Rosalía de Castro. O seu último traballo, “Ela sabe a sol” nace da súa estancia en Jordania, e foi premiado como Mellor Álbum de Músicas do Mundo nos VII Premios Martín Códax da Música.
O acto contará cunha lectura colectiva a prol da paz, da sororidade e da igualdade de textos poéticos, literarios, xornalísticos, políticos… nas voces de diferentes persoas comprometidas ante o xenocidio de Gaza.




