Tui | A festividade do apóstolo Santiago, este venres 25 de xullo, centra as actividades que o Concello de Tui organiza esta semana reivindicando o papel que a cidade de Tui desenvolve como “capital do Camiño Portugués a Santiago” que están a percorrer numerosos peregrinos nestas datas finais de xullo.
O Concello de Tui organiza nestas xornadas catro actividades que reivindican a condición xacobea da nosa cidade, a súa tradicional hospitalidade na acollida aos peregrinos así como a súa vocación cultural cunha oferta ampla e diversificada de actividades ao longo do ano.
Unha oferta cultural e turística que baixo a denominación de “Tui capital do Camiño Portugués – cultura no camiño portugués” nos ofrece nesta semana as seguintes actividade:
– Mércores, 23 de xullo, ás 20.30 h na Igrexa de San Domingos
– Conferencia “700 anos da peregrinación da Rainha Santa”. Rafael Sánchez Bargiela
25 de xullo de 1325 chegou á catedral de Santiago de Compostela a raíña Isabel de Aragón, viúva do rei de Portugal D. Dinís, popularmente coñecida como “A Rainha Santa”, tras peregrinar dende Coimbra, nunha das peregrinacións con máis sona ao longo dos séculos e que ten deixado a súa pegada na cultura popular de Galicia e Portugal. O historiador e membro do Instituto de Estudios Tudenses pronunciará esta conferencia que nos achega a esta histórica peregrinación da que celebramos agora o seu sétimo centenario.
– Xoves, 24 de xullo, ás 21.30 h na Igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns
o Concerto: Germán Díaz – A zanfona e o Camiño de Santiago concerto ilustrado
o Un concerto no que se interpretan músicas históricas —e imaxinadas— baseadas na tradición sonora dos Camiños a Santiago, ilustrado a partir das diversas representacións da zanfona nas igrexas e monumentos que debuxan os itinerarios e camiños que os peregrinos utilizaron para chegar a Compostela.
o A zanfona é un dos instrumentos que máis representacións ten ao longo dos diferentes itinerarios que debuxan a peregrinación cara a Santiago. O realmente sorprendente da organoloxía do instrumento, é que, despois dos seus máis de mil anos de historia, segue sendo practicamente o mesmo artefacto o que se usa hoxe en día para a música contemporánea e o que se utilizou no século XII para acompañar os cantos litúrxicos.
– Venres, 25 de xullo,
Ás 9 h . Inicio na rúa Olímpicos Tudenses
Camiñada comentada polo Camiño Portugués dende Rúa Olímpicos tudenses ata Capela de Nosa Señora do Camiño. Unha camiñada para promover a valorización da traza do Camiño Portugués pola cidade de Tui, coñecendo os principais tesouros patrimoniais que atesoura e a memoria dos peregrinos que ao longo dos séculos teñen percorrido este Camiño de Santiago, auténtica ruta histórica que coloca a Tui como a porta de entrada das rutas de peregrinación portuguesas en Galicia.
Ás 21.00 h na Igrexa de San Domingos
Concerto: Furia Sotelo – Camiños que parten, espectáculo de música e danza
A compañía Furia Sotelo chega co seu espectáculo “Camiños que parten”, un espectáculo multidisciplinar para espazos non convencionais para tódolos públicos que combina a música en directo e a danza. O espectáculo enlázase cunha intervención musical de Mounqup.
“Camiños que parten” é unha viaxe a través dos elementos naturais que serviron de inspiración, guía e material sonoro para o último disco de Mounqup, “Aquelarre”. En “Camiños que parten” escolléronse o vento, as rochas, os ríos e a cinza como guía para a viaxe purificadora destas tres mulleres. Como inspiración as mulleres do campo galego. Mulleres fortes que crían aos seus fillos nun entorno no que conxugan as súas aspiracións persoais co traballo interminable preciso para manter o seu fogar, cortar a leña, anticipar estacións, manter a horta…
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, estas actividades amplían e diversifican a oferta cultural tudense neste mes de xullo, ao tempo que nos ofrecen a posibilidade de participar nestes concertos en lugares de grande interese patrimonial como son a igrexa de San Domingos e a igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns, dous fitos no Camiño Portugués.