Tui atopa restos arqueolóxicos do Tude Romano

Avanza nas investigación na praza do Pracer

Tui | O Concello de Tui avanzará na investigación dos importantes restos arqueolóxicos romanos atopados na praza do Pracer e acometerá unha nova fase de escavación ante relevancia dos vestixios descubertos.

Estes achados foron atopados nas sondaxes arqueolóxicas realizadas na praza do Pracer, en pleno conxunto histórico, dentro do proxecto de reforma e reurbanización deste espazo, no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, PSTD, “Vive a Historia, Descubre Tui: Conexión sostible entre patrimonio e natureza”. Estes traballos acometéronse, entre os meses de xaneiro e febreiro deste ano, en cumprimento da normativa vixente en materia de patrimonio cultural, e neste mes de marzo vén de emitirse o informe técnico cos resultados desta intervención.

Este documento, emitido pola dirección da escavación formada polos arqueólogos Mª Soledad Prieto e Juan José Perles, sinala que a entidade, extensión e estado de conservación destes restos arqueolóxicos de orixe romano fai incompatible a execución do proxecto inicialmente previsto. En concreto o informe técnico, ante a importancia dos restos, desaconsella a plantación de árbores prevista xa que “resulta incompatible coa conservación das estruturas arqueolóxicas en posición primaria documentadas e polo tanto debe descartarse” conclúe o documento.

Nas sondaxes realizadas atopáronse muros, pavimentos, estruturas de drenaxe, unha escaleira e unha estrutura circular interpretada como pozo ou silo de almacenamento datados entre os séculos I e IV d.C. Este material confirma a ocupación romana deste espazo, e constitúe unha valiosa achega de información, até o de agora descoñecida, sobre o Tude Romano.

Así o informe técnico sinala que “a conservación dos restos romanos documentados nesta intervención son de enorme relevancia no contexto do conxunto histórico de Tui”. Apunta á “singularidade da súa ubicación, nun espazo público aberto no que se preservaron os restos sen afección de momentos posteriores”. Así desde o punto de vista patrimonial, o propio informe destaca o alto valor dos restos atopados, ao tratarse de “estruturas de carácter habitacional en posición primaria localizadas nun espazo público do conxunto histórico, algo excepcional e de grande interese para o coñecemento do Tui romano”.

Á vista destes resultados, e tal e como se recolle no informe técnico, o Concello de Tui considera necesario continuar cos traballos arqueolóxicos nunha nova fase de escavación en área que permita ampliar a investigación, conectar as zonas xa escavadas e seguir avanzando no coñecemento histórico da cidade. Por iso dende o Concello remitiuse xa o informe á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa valoración e consideración.

Precisamente o Concello traballa agora na continuidade das escavacións, para o que solicitou unha proposta económica para coñecer o alcance da continuidade da intervención que complete a actuación na praza”. Ademais estudará en coordinación coas administracións competentes en materia de patrimonio e arqueoloxía, as distintas opcións para a conservación, protección e posible posta en valor dos restos, entendendo que “o patrimonio non é un obstáculo, senón unha oportunidade para coñecer mellor a nosa historia e poñela ao servizo da cidadanía”.

Dende o Concello de Tui considérase que “estes achados, ademais do seu valor histórico e cultural, representan unha oportunidade para seguir coñecendo a historia de Tui e para poñer en valor o seu patrimonio” polo que “reafirma o seu compromiso coa protección do patrimonio, coa rigorosidade nas actuacións no conxunto histórico e coa toma de decisións responsables baseadas en criterios técnicos”.

Presentación do libro “As murallas de Tui” do historiador Rafael Sánchez Bargiela
“A murallas de Tui” do historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela será presentado este venres, 27 de marzo, ás 19.30h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela. Esta publicación vén de ser editada polo Concello de Tui ao abeiro do proxecto europeo Interreg Poctep “FarPax” no que participa o concello tudense.

A obra presenta un sinxelo achegamento ao amplo acervo patrimonial que Tui conserva dos tres sistemas amurallados cos que contou ao longo do tempo: a muralla medieval do século XII, a antemuralla ou falsa braga do século XV, e a posterior ampliación do perímetro amurallado no século XVII e XVIII. Unha amplo conxunto monumental que pasa desapercibido tanto para os tudenses como para os visitantes e que agora esta obra pretende divulgar. Cunha extensión de 60 páxinas o libro está ilustrado cunha ampla colección de fotografías realizadas especialmente para esta obra polo fotógrafo José Salgado. Na presentación deste venres participarán o autor, Rafael Sánchez Bargiela; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; Ina Barrio Blanco, xestora polo concello de Tui do proxecto Interreg Poctep Far Pax; Xosé Lago García, da Subdirección Xeral de Acción Exterior e de Cooperación Trasfronteiriza da Xunta de Galicia; e Juan José Perles Fontao, vicepresidente do Instituto de Estudios Tudenses

A edición deste libro está financiada cos fondos do Programa Europeo Interreg Poctep VI 2020-2027, no marco do proxecto FarPax, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza que promove o desenvolvemento sostible mediante a recuperación e promoción das fortalezas abaluartadas que marcan a fronteira hispano-portuguesa. No proxecto participan os municipios de Almeida, Marvão, Valença, Ciudad Rodrigo e Tui. Estas estruturas, antano militares, son agora símbolos de paz, cooperación e identidade compartida entre Portugal e España.

A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana María Núñez Álvarez, destaca que a presentación deste libro, promovido abeiro do proxecto FarPax, que contribuirá a divulgación e coñecemento das murallas tudense. Lembra que o proxecto contempla tamén outras accións que inciden no patrimonio cultural tudense como son a recuperación do “Baluarte do Diaño” da muralla do século XVIII.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.