Tui aposta polo vehículo eléctrico e puntos móbiles

O novo equipamento conta cun investimento de 121.000€

Tui | O Concello de Tui aposta polo medio ambiente coa incorporación dun vehículo 100% eléctrico e de dous puntos limpos móbiles que supuxeron un investimento de 120.939,50 €. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, e o concelleiro de Parque Móbil, Miguel Méndez, recibiron hoxe da man da empresa adxudicataria este novo equipamento que permitirá mellorar o servizo que se presta á cidadanía, así coma facilitar o labor aos operarios municipais.

Os puntos limpos móbiles irán rotando, dende a próxima semana, polas parroquia tudense facilitando así á veciñanza a reciclaxe de até 14 tipos de residuos sen ter que desprazarse ao punto limpo situado en Guillarei. En concreto cada módulo conta con caixas para a recollida de xoguetes e outros plásticos duros que non sexan envases; tóner e cartuchos de impresora; aerosois e envases de pinturas e vernices; lámpadas; tubos fluorescentes; pequenos electrodomésticos; pilas e baterías de electrodomésticos; trapos e absorbentes contaminados; pequena chatarra; materiais electrónicos de informática e telefonía; CDs e DVDs; aceites de Cociña Usados; cargadores e auriculares; e radiografías.

O novo vehículo é un camión eléctrico Ford Transit con guindastre, caixa aberta e basculante, con cabina para tres prazas incluído o condutor. O guindastre ten capacidade de elevación maior ou igual aos 700 kgs a 3,5 metros, con brazos estabilizadores e cadeas ou ganchos para levantar o módulo.

O concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, destaca con este novo equipamento “ampliamos o servizo do punto, e converte nun punto limpo móbil ao distribuír os módulos de forma semanal polas parroquias”. Deste xeito búscase facilitar a reciclaxe de elementos de pequenas dimensións. Engade o concelleiro que “apostamos firmemente pola reciclaxe”.

Grazas ao vehículo 100% eléctrico reduciranse de forma significativa as emisións contaminantes, ampliando así a flota municipal con cero emisións. A isto súmase que o poder contar de forma rotatoria cos puntos limpos móbiles nas parroquias incrementarase a taxa de reciclaxe e evitarase o depósito de residuos en lugares inaxeitados.

O investimento realizado de case 121 mil euros foi financiado por unha parte con 40 mil euros de fondos propios recollidos na correspondente partida dos orzamentos de 2025, e o importe restante con cargo as axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión EuropeaNextGenerationEU.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.