
Tui | Os venres de marzo chegarán cheos de sabor a Tui grazas á ruta gastronómica Tú-y D’Tapas, promovida por ACITUI, a Asociación de Comerciantes de Tui, coa colaboración do Concello de Tui. Dezaoito locais ofertarán ao longo dos catro venres do mes marzo, os días 6, 13, 20 e 27, de 19 a 23 h unha tapa ao prezo de 2,5€.
Así poderase degustar “Taco galego: aguacate e mexillóns en escabeche” en O Bartolo; “Spagheti Western” no Pony Express; “Pincho de corral” no Pilar; “Tosta de lacón con queixo afumado gratinado” en Puro Sabor; “Mordiscos do deserto (sen glute)” en Entre Horas; “A filloa peregrina” na Tapería Época; “Faxiña de polo con guacamole” en La de Manu; “Gofre con chocolate cruxiente e xeado” na xeadería La Cumbre; “Pincho moruno de chistorra” en 4 Elementos; “Bocatín de codillo con tetilla” no Moma; “Fideua do Mar” en El Molino; “Bocatín de calamares con alioli” no Biper Bocatería; “Bocatín de zorza, compota de mazá e tetilla” en La Terraza del Miño; “Ovo frito con patacas e chouriciño” en O Vello Cabalo Furado; “Sardinillo: A sardiña con piquillo” en Ideas Peregrinas; “Filloa do Mar” en O Novo Cabalo Furado; “Mini taco de Babaganhous” en Emma Gastrobar; e “Gilda de Mercado” en Lúa Wine Bar.
Aquelas persoas que completen un total de cinco selos no folleto da ruta participarán no sorteo de 3 vales de 100€ para consumir nos locais participantes na ruta. Así se deu a coñecer este mediodía na presentación de Tú-y D’Tapas, onde o presidente de ACITUI, Pepe Míguez, afirmou que este ano “vai ser un éxito total” logo da boa acollida que rexistraron xa o ano pasado na primeira edición da ruta. Amosou o agradecemento aos 18 locais de restauración participantes.
Isaac Míguez, membro da directiva e hostaleiro, explicou que entre os obxectivos desta proposta está “difundir a gran esencia que temos da gastronomía en Tui e a profesionalidade do sector”. Tamén sinalou que a ruta gastronómica será un atractivo máis para vir a Tui.
Pola súa parte o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que “a hostalería é un sector clave e estratéxico na dinamización económica de Tui”. Desexou un gran éxito a este evento e felicitou aos locais participantes e a ACITUI por esta iniciativa que dicía “ten unha gran acollida social e unha gran demanda”. Remataba a súa intervención brindando a colaboración do Concello e destacando a importancia do asociacionismo tamén no eido comercial.
O acto de presentación desta mañá contou coa participación tamén da concelleira de Comercio, Ana Núñez, da directiva de ACITUI e dos representantes dos 18 locais participantes en Tú-y D’Tapas.




