Trump e os seus aliados europeos: inimigos da democracia e da liberdade.

Cadernos da viaxe.

A presidencia dos EUA ven de definir a súa política exterior a respecto da Unión Europea, a quen considera aliado pouco fiábel pola súa suposta tolerancia a unha inmigración mesmo substitutiva que seica pretendería anular unha suposta identidade nativa europea. Trump aposta polo enfeblecemento, cando non destrución da Unión Europea (UE) e polo pacto cos nacionalismos supremacistas da extrema dereita europea (os neofascistas alemáns, austriacos, holandeses, polacos ou húngaros, Front Nationale, Vox, Chega, Reform UK) nunha nidia manobra de balcanización europea, mentres desenvolve a mesma política balcanizadora na América Latina.

Este ataque ás institucións democrática tende a deslexitimar os procesos electorais, cuestionando sen probas os seus resultados se non son favorables, erosionando a confianza no proceso democrático (velaí o trumpismo nas eleccións presidenciais de 2020 e os bolsonaristas nas últimas eleccións presidenciais brasileiras). Ao tempo desenvolve unha guerra total contra o Estado de Dereito: críticas, intromisións políticas ou ataques ao Poder Xudicial (como os desenvolvidos na Hungría e na Polonia do anterior goberno extremista), os medios de comunicación independentes (alcumados de “inimigos do pobo”) ou a función pública, que actúan como elementos de balanceo e equilibrio.

Estas mesmas correntes extremistas restrinxen os dereitos humanos e civís alí onde gobernan, desenvolvendo políticas que restrinxen substancialmente os dereitos de colectivos específicos, como a comunidade LGTBIQ+, inmigrantes, mulleres e minorías raciais, políticas e relixiosas e avogan por restricións no acceso ao aborto e á saúde reprodutiva. Estas políticas desenvólvense no marco dun discurso que promove á intolerancia e á discriminación, despersonalizando e estigmatizando estes colectivos e minorías.

“Na Europa, as forza de extrema dereita aliadas do trumpismo promoven unha identidade ríxida e excluínte”

Na Europa, as forza de extrema dereita aliadas do trumpismo promoven unha identidade ríxida e excluínte, na que o estranxeiro, o inmigrante, o “globalista” e as minorías nacionais e nacións sen Estado (galegos, cataláns e vascos para Vox, galeses, escoceses e irlandeses para Reform UK ou corsos, bretóns, cataláns e vascos para a Front Nationale) son visto como unha ameaza para a cultura, a economía e a seguridade nacional. Canto á inmigración afírmanse nunha retórica deshumanizadora cara aos solicitantes de asilo e inmigrantes e mesmo promoven a expulsión dos inmigrantes xa naturalizados na Europa, promovendo unha remigración que xa se está a desenvolver inicialmente nos EUA.

Esta caste de movementos extremistas refuga da separación de poderes, do control democrático e da protección xudicial e lexislativa. das minorías e das clases medias e traballadoras. Esquecendo que a Grande Depresión que se desenvolveu despois da crise de Lehman Brothers de 2007 foi un produto xerado pola desregulación, defenden un capitalismo libertario e oligopólico no económico e autoritario no político, baseado nun liderado personalista que mesmo fachendea do seu desprezo á ética e procedementos liberais, ao control xudicial e ao sistema de equilibrios (checks and balances) propios da democracia.

Estes extremismos -como ten observado o profesor da UDC Carlos Aymerich- proxectan unha visión de recursos limitados e da necesidade de priorizar o grupo nacional ou cultural propio, culpando á inmigración e os acordos comerciais globais de roubar empregos e recursos á poboación “nativa“. A solución, para eles, será pechar as fronteiras, porque non hai bastantes empregos nin recursos para todo o mundo: “primeiro os nosos; escolle bando (“whose side are you on?)”.

Negan deste xeito o imperativo ético das democracias europeas, que propugnan sociedades de integración dende a multiculturalidade ou interculturalidade. Para a extrema dereita non se pode ter unha sociedade homoxénea e diversa á vez; hai que elixir entre a nosa tradición ou a súa (o foráneo). Usando, deste xeito, a polarización como ferramenta: ao crearen unha narrativa de crise existencial fomentan unha mentalidade de “ou estás con nós ou contra nós”. desviando o foco de problemas estruturais complexos, simplificando o debate político e obrigando á xente elixir un bando.

Na vindeira semana cumprirá debullarmos a análise do que cómpre facer fronte esta enxurrada.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.