
Ourense | O programa de Trens Turísticos de Galicia organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – INORDE, arranca unha tempada máis de itinerarios temáticos pola comunidade coa Ruta da Camelia en Flor. En total, para 2026 están previstas 13 rutas e 33 saídas, coas que se abrangue un amplo programa de experiencias turísticas, entre elas paisaxísticas, patrimoniais e enogastronómicas, co tren como eixo e modo central de transporte.
As primeiras saídas correspóndense coa Ruta das Camelias en Flor. Serán os sábados 7 e 21 de marzo e os billetes xa están á venda. O traxecto inclúe a visita aos xardíns do Pazo Quinteiro da Cruz -que conta con máis de mil variedades de camelias-, o de Lourizán e o de Rubiáns, este con máis de 4.500 exemplares distintos. Todos están recoñecidos no Itinerario Europeo de Xardíns Históricos.
Esta ruta comezou a realizarse en 2023, coincidindo coa época de floración desta planta e pon en valor unha das especies máis características de Galicia, a onde chegou a finais do século XVIII. A súa entrada fíxose a través precisamente das casas e pazos da nobreza, aínda que xa pouco despois se espallou por toda a comunidade.
A edición de 2026 dos Trens Turísticos de Galicia ten previstas un total de 2.530 prazas, repetindo as mesmas 13 rutas que en 2025. Ademais da Ruta da Camelia, en xuño inícianse as Rutas dos Faros (con saídas en xuño, xullo, agosto e setembro); a da Ribeira Sacra polo Sil (en xuño, xullo, agosto e de setembro); a da Ribeira Sacra polo Miño (en xuño e setembro); e a dos Mosteiros (con saídas en xuño e xullo). A partir do mes de xullo comezan as Rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra; a das Rías Baixas, e a do Ribeiro-Rías Baixas. No mes de agosto saen as Rutas das Mariñas; a dos Pazos e Xardíns; a de Monterrei; a do Museo MEGA e A Coruña de 1906; e a dos Queixos.
Iniciativa consolidada
Os Trens Turísticos de Galicia son xa unha cita de éxito na programación turística en Galicia. En 2025 acadou máis dun 92% de ocupación, con algunhas rutas nas que case se esgotaron a totalidade das prazas, como a dos Queixos, as de Ribeira Sacra do Miño e o Sil, a das Rías Baixas e a dos Faros. Precisamente esta última foi galardoada co premio ‘Tourism-Friendly’ na categoría de viaxes de curta distancia, convocado pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC).
A iniciativa alíñase coa Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia, que fai da sustentabilidade unha das súas claves. Ademais, permite avanzar na desestacionalización do destino, ao propoñer viaxes en datas fóra da tempada alta. Tamén abunda na redistribución da oferta, achegando a turistas a destinos máis aló dos lugares de maior demanda.




