Todos os porcos teñen o seu San Martiño.

Téñoo dito un montón de ocasións e tamén o teño escrito varias veces: os medios de comunicación son contaminantes.

“Cando o responsable dun medio permite que se publiquen artigos e informacións que sabe que son falsas, está cometendo un terrible atentado á información dos cidadáns”

Cando o responsable dun medio permite que se publiquen artigos e informacións que sabe que son falsas, está cometendo un terrible atentado á información dos cidadáns que non teñen a capacidade de comprobar se o que están lendo ou escoitando é verdade ou non.
Pero agora, nestes novos tempos que nos toca vivir, entra en escena un novo artista que supera a todos os anteriores coa súa capacidade de influencia: internet, os twuits (ou como se diga), nunha palabra, as redes sociais.

Este preámbulo ben a conto do balbordo que se montou e segue no escenario polas declaracións do Ministro de Consumo, Sr. Garzón sobre as granxas de porcos: extensivas e intensivas.

Pero antes de entrar no meollo da cuestión adiantemos uns cantos datos que non se discuten.

“España 2030”  é un documento presentado polo Estado Español para falar dunha estratexia a longo prazo para adaptarnos á nova coxuntura climática. Aquí xa se aborda a necesidade dun descenso na inxesta de carne (o famoso chuletón de Pedro Sánchez), para os próximos anos. Recentes estudos indican que a poboación española ten un consumo de carne de entre dúas  e cinco veces superior ao recomendado.

A famosa revista The Lancet puña o dedo na chaga ao anunciar unha redución das dietas cárnicas para mitigar  a subida global de temperatura e reducir a pegada do carbono no sector alimentario. “O consumo mundial de froitas, verduras, vexetais, froitos secos e legumes debería duplicarse; o consumo de alimentos como a carne vermella e o azucre deberían reducirse máis do 50%”.

Ben, o ministro de Consumo Sr. Garzón declarou no xornal inglés The Guardian que denuncia o maltrato animal nas granxas intensivas (ou sexa, as que están entre 3.000 e 5.000 porcos encerrados nunha nave e alimentados con pienso) que producen unha carne de baixa calidade que se destina á exportación. Tamén defendeu as granxas extensivas indicando a importancia que teñen no sector agroalimentario español que non contaminan nin a terra nin os mananciais de auga alí onde son instaladas, algo demostrado inequivocamente. Aquí os animais andan soltos e teñen unha alimentación variada e diversificada.

A dereita recortou estas declaracións e montou un bulo no que se afirma que o Ministro declara que España exporta carne de baixa calidade. Obviamente, en plena campaña das eleccións á Presidencia de Castela-León, o actual presidente Fernández Mañueco agarrouse a esas declaracións, manipulounas axeitadamente, e lanzou a consigna de que o Ministro de Consumo falara mal da carne española, atentara contra os gandeiros e que o Presidente tiña que destituilo de inmediato.

Diante desta terxiversación das súas declaracións, o ministro Garzón reproduciu nos medios, sobre todo en internet, o texto completo das súas declaracións que o xornal tiña resumido por problemas de espazo. Pero iso non importa: o importante é darlle caña a un ministro e, de paso, ao Presidente do Goberno coa maléfica intencionalidade de así, mintindo, e manipulando á opinión  pública, conseguir que os agricultores de Castela- León, que deben ir as urnas o vindeiro 13 de febreiro, castiguen co seu voto aos socialistas e podemitas.

Pode darlle resultado esta campaña de desinformación? Pode. Simplemente porque os votantes de Castela-León, na súa maioría, non se deteñen a comprobar que dixo realmente o Ministro e que versión lle queren facer tragar os partidos, sobre todo, os da dereita. O máis triste de todo isto é que o propio Presidente do Goberno non tivera agallas para defender ao seu Ministro que se limitou a facer públicas as instrucións do propio Goberno Central  nas que aposta  polas granxas de porcos extensivas e ponlle data de caducidade as intensivas que foron as que, precisamente, fixera alusión o Ministro de Consumo, Sr. Garzón.

Este tipo de bulos, aos que se agarran os políticos que están en campaña electoral, sen importarlle que hai de verdade ou mentira no seu contido, son os instrumentos utilizados para chegar ao Poder, sabendo que se o alcanzan terán que desdicirse de inmediato porque así llelo vai esixir o guión europeo no que se defende unha mellora do medio ambiente, aínda que a dicir verdade, pouco se lle nota.

“Este tipo de bulos, aos que se agarran os políticos que están en campaña electoral, sen importarlle que hai de verdade ou mentira no seu contido, son os instrumentos utilizados para chegar ao Poder”

En resume, os cidadáns asistimos a unha pelexa de galos aos que aplaudimos esperando a ver quen da os golpes máis fortes aínda que estean fora do regulamento.

As redes sociais, que poden ser aproveitadas para moitas cousas, tamén poden ser un veleno mortal para que saibamos a verdade das cousas. Só os que se molestan en chegar ao fundo dos problemas e das declaracións dos políticos de turno poden estar debidamente informados.

Os demais, os que se deixan levar polos bulos (as veces estupendamente construídos) estarán  sempre ao albor deses políticos que a falta de propostas serias e con futuro só se dedican a desmentir, insultar e, o que aínda é peor,  presentarse  como salvadores sobre cuestións que saben perfectamente non teñen nada que facer porque, simplemente, veñen marcadas por instancias superiores, léase UE, á que, desgraciadamente, non temos opcións políticas en exercicio nin esperando tomar o relevo que se atrevan a discutir o que se coce en Bruxelas.

Polo tanto, eu quero dende aquí animar a todos que non se deixen manipular nin polos de Laíño ni polos de Lestrove. Que se informen tranquilamente, e que logo, serenamente, valorando os pros e os contras tomen as decisións correspondentes. Pero, por favor, non deixen que lles tomen por carne de canón.

Fagamos valer os nosos dereitos a ser informados con honestidade e con verdade; é o mínimo que podemos e debemos esixir aos nosos gobernantes.

Sexan felices e cóidense moito.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»