A Cañiza | O Alcalde Luis Piña visitou esta mañá aos nenos e nenas da primeira quenda do Campamento Urbano 2025, que rematou hoxe cunha divertida festa da escuma.
O pasado 1 de xullo deu comezo o Campamento Urbano 2025, cun total de 84 participantes nesta primeira quenda, que se desenvolveu nas instalacións do CPI da Cañiza. Ao longo destas dúas semanas, os nenos e nenas gozaron dun intenso e variado programa de actividades, combinando deporte, xogos e entretemento.
As xornadas incluíron gincanas, carreiras de sacos, xogos de corda, saltos e moitas outras propostas lúdicas que encheron de ledicia e movemento cada día. Ademais, os rapaces tamén visitaron a piscina ao aire libre das Grades, onde realizaron diferentes actividades acuáticas, e participaron en rutas de sendeirismo ata a parroquia de Achas, fomentando o contacto co medio natural.
A programación busca promover a práctica de actividades físicas, deportivas e recreativas no medio rural, sempre baixo a supervisión de 10 monitores especializados. A segunda quenda do campamento dará comezo mañá ata o 31 de xullo, cun total de 62 nenos e nenas inscritos.
Na súa visita de hoxe, o alcalde Luis Piña compartiu un intre cos pequenos, aos que agasallou con golosinas, e destacou o esforzo do Concello na organización desta iniciativa. O campamento supuxo un investimento total de 17.676,00 euros, dos cales 11.952,00 € foron subvencionados pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, ao abeiro das axudas do Plan Corresponsables 2025.
Os prezos do campamento foron fixados en 55€ por neno/a, 97,58€ para familias con dous fillos/as e 110€ para unidades familiares con tres menores.
O Plan Corresponsables ten como obxectivo impulsar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.