Ribadumia | De acordo á nota de prensa enviada polo Concello de Ribadumia, este 4 de novembro celebrouse o Pleno municipal no Concello de Ribadumia e, transcorridos 11 minutos dende a constitución do mesmo, os representantes do Partido Popular, do PSOE e de Somos Ribadumia, actuando como se dun só partido se tratase, decidiu levantarse e abandonar o mesmo argumentando unha suposta falta de entrega de documentación no punto 10 da orde do día, pese que o Sr. Alcalde David Castro lles pediu expresamente que esperasen ó inicio do debate do punto en cuestión para decidir sobre esa petición.
O equipo de goberno municipal lamenta profundamente a imaxe que se xerou nos veciños e veciñas do Concello, os cales, sen dúbida merecen uns representantes políticos que realmente se preocupen polos seus intereses e non que funcionen como un “tripartito da oposición”, liderado por Enrique Oubiña, co único obxectivo de “levar a contraria” conxuntamente ó equipo de goberno, tal e como manifestou o voceiro do Partido Popular durante a celebración das comisións informativas do pasado martes dirixíndose ós voceiros do Psoe e de Somos Ribadumia.
O grupo da oposición que forman PP, PsdeG e Somos Ribadumia arrastra un conxunto de sesións plenarias nas que, a parte de intentar xerar un espectáculo circense e crear crispación social, non aporta nada no relativo á organización do Concello nin se molesta en debater os asuntos que realmente benefician e preocupan á veciñanza do municipio.
[Segundo a nova do Concello] “O grupo da oposición que forman PP, PsdeG e Somos Ribadumia arrastra un conxunto de sesións plenarias nas que, a parte de intentar xerar un espectáculo circense e crear crispación social”
De feito, antes do inicio da sesión deuse lectura a 2 informes que desmontan as queixas manifestadas en 2 escritos presentados por Somos Ribadumia o mércores pola suposta falta de recepción de documentación para os plenos: un asinado pola Sra. Secretaria, onde certificaba que tanto ela mesma coma outros concelleiros da Corporación municipal si que tiveron acceso sen ningún problema a toda a documentación; e outro, asinado polo consultor da empresa que leva a plataforma de xestión municipal, corroborando esa mesma información e certificando que o problema do acceso á documentación referido polo Sr. Oubiña non se debe a problemas técnicos da plataforma.
A pesares disto, a sesión plenaria continuou e o goberno municipal, co obxectivo de cumprir o mandato que lle outorgaron os veciños de Ribadumia, adoptou acordos importantes como a aprobación do Plan de incendios ou a delimitación das zonas de carga e descarga do Concello.
En canto á aprobación inicial do plan de incendios, este supón un grande avance no compromiso de establecer un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, trala adhesión ó convenio asinado pola Xunta, a FEGAMP e SEAGA.
O punto relativo á delimitación das zonas de carga e descarga vén derivado das peticións e demandas dos comerciantes e locais de ocio do Concello. Búscase facilitar o seu labor a través da fixación duns criterios para establecer zonas de carga e descarga. Tamén se estableceron as características que deberán ter estas prazas tales como adecuarse ás dimensións das actuais prazas de aparcamento ou contar con sinalización horizontal e vertical adecuada. Nesta primeira actuación téñense previsto establecer prazas de carga e descarga na Avenida Bouza Martín, no Caleixón Loureiro, en Ramón Cabanillas e na Rúa Valle Inclán.
Finalmente dende o equipo de goberno queremos resaltar a importancia da celebración dos Plenos municipais e a relevancia dos acordos que se adoptan nos mesmos á vez que insistimos en animar a oposición a realizar a tarefa que os veciños e veciñas lles encomendaron e asistir ós mesmos.
Comunicado do tripartito PP e PSdeG, e Somos Ribadumia
Pola súa banda, a oposición publicou o seguinte comunicado que reproducimos integramente:
“Un novo abuso de autoridade, completamente esaxerado e rondando o esperpento máis Valle-Inclaniano, levounos na noite de onte a abandonar o pleno municipal, ao pouco de comezar este.
A través deste comunicado queremos afondar algo nos motivos que nos levaron a tomar esta decisión nese momento, nun pleno onde se condensou unha actitude que se ven repetindo nos últimos plenos, tendo o seu culmen cando onte, ante unha petición do voceiro da agrupación local do Partido Popular para retirar un punto da orde do día, David Castro negouse, ademais cunhas formas completamente fora de lugar por absurdas.
Os plenos municipais están regulados pola a Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, que especifica entre outras cousas que os puntos da Orde do Día deben ser claros en canto aos contidos dos mesmos, así como outras cuestións das eu falamos máis abaixo, relativas ao acceso á documentación.
En Ribadumia os plenos pasan por tres etapas: a Xunta de Voceiros, as Comisións Informativas e o propio Pleno. Neste caso o pleno celebrado na noite de onte tivo carácter ordinario.
A primeira etapa, a Xunta de Voceiros, xa deturpada polos Independientes que se limitan a darnos un anaco de papel cos puntos da orde do día, limitando a información sobre o que se vai tratar no pleno, foi convocada so 24 horas antes de celebrarse, ademais adiantando a data habitual sen explicación algunha, complicando así que os diferentes voceiros puideran organizarse para acudir as mesmas.
As convocatorias para as comisións informativas, segunda etapa antes de chegar ao pleno, onde se informa aos grupos dos puntos a tratar, e se realizan propostas e se negocian con calma acordos cando é o caso, realizáronse en prazo, pero por algún “misterioso” motivo a documentación relativa aos temas que se ían tratar nas mesmas non estivo accesible ata este luns pola noite, sendo as comisións o martes.
Hai que dicir que os concelleiros temos que ter toda a documentación para calquera comisión cun mínimo de dous días hábiles polo medio, condición que, como noutras ocasións anteriormente, non se deu. E hai que resaltar que é o Concello quen debe asegurarse de que a documentación chega aos concelleiros, polo que se se usan medios telemáticos debe ser con garantías que permitan certificar a entrega desa documentación en prazo, cousa que actualmente non acontece.
E o mesmo pasou coa convocatoria do pleno, para o cal rexen os mesmos prazos. A comunicación coa orde do día saíu do rexistro o martes as 15:12 horas, doce minutos despois de pecharse o horario de atención ao público, un truco que evita que os concelleiros poidamos solicitar acceder a documentación do pleno ata o día seguinte. Pero por se o tempo non era xa escaso resultou que a documentación, por outro “misterioso” motivo, non estivo dispoñible na sede electrónica ata a mañá do mércores.
Cando nos referimos a documentación completa, queremos decir catro video-actas – que se deben mirar integramente para corroborar que non haxa cortes nin fallos na edición, nun concello cunha media de catro horas por pleno – , a conta xeral do 2020, unha norma de prevención de incendios de case duascentas páxinas, e varios puntos máis, cada un coa súa documentación a examinar.
Na mesma mañá do mércores , un dos concelleiros quixo acceder á documentación do pleno, que por lei debe estar dispoñible de xeito íntegro na Secretaría do Concello, e descubriu que faltaba parte da mesma, tal e como consta nun informe realizado pola propia secretaria municipal, algo que supón un incumprimento fragrante das lei de bases do réxime local, e un conculcamento gravísimo dos dereitos fundamentais dos concelleiros que, insistimos, temos dereito a acceder a absolutamente toda a documentación que se vai a tratar no pleno dende o momento da convocatoria do mesmo.
Con este panorama, ao inicio do pleno, o voceiro da agrupación local do Partido Popular solicitou que se retirara o punto 10 da orde do día, logo de comprobar por parte do Concelleiro de Somos Ribadumia e de ter constancia a través dun informe da secretaria municipal que na Secretaría do Concello non había ningún tipo de documentación relativa ese punto, titulado “Dar conta de diversos asuntos e escritos presentados”- título que de por si xa incumpre a lei de bases do réxime local – ata o punto de que nin sequera figuraban os escritos aos que se ía dar resposta.
Para a sorpresa de propios e estraños a resposta de David Castro foi que xa se falaría dese punto ao chegar a el, sen confirmar que retiraba o punto da orde do día e dando a entender que non o ía facer, pero sen dicilo claramente. Esta actitude e falta de seriedade e respecto cara unha solicitude feita con total normalidade e de xeito formal, sumado a todo o anterior, provocou que o Partido Popular decidise abandonar o pleno, sendo acompañado de xeito solidario, pois o problema afecta a toda a oposición e as actitudes de David Castro foron contra as tres forzas, polo Psoe e Somos Ribadumia.
[Segundo o Comunicado da oposición] “Para a sorpresa de propios e estraños a resposta de David Castro foi que xa se falaría dese punto ao chegar a el, sen confirmar que retiraba o punto da orde do día e dando a entender que non o ía facer, pero sen dicilo claramente”
Non participar nun pleno municipal para nos supón un atranco, pois é no pleno onde podemos expresar as nosas posturas e propostas, e realizar a nosa labor de control do goberno e de defensa dos intereses da veciñanza, pero a situación creada por David Castro non admitía outra resposta.
Unha situación que ademais súmase a outras xa denunciadas como o bloqueo á documentación diversa, ou os impedimentos para poder expresar as nosas posturas nos plenos municipais, onde David Castro abusa desaforadamente da súa posición. Todo isto no seu conxunto ademais de complicar o noso traballo, converteu o ambiente político nun terreo contaminado e de guerra aberta, algo que nos negamos aceptar e no que non imos participar.
Unha vez máis instamos a David Castro a facer uso da cordura da que sempre fala, devolver a normalidade ao funcionamento dos plenos municipais e respectar o traballo dos partidos da oposición”.