Ten boa saúde a democracia española?

Comezou o ano político 2021-2022 e xa abondan as novas que anuncian síntomas preocupantes. A polarización mediática e política vai in crescendo e deixa no ar varias interrogantes: está en forma a democracia española? A mensaxe dos políticos, é de consensos ou de confrontacións? O que se publica nos medios, son informacións ou interpretacións mediatizadas por intereses políticos?

Sempre é importante acudir politólogos e historiadores que poidan ofrecer algunha luz que explique o que pode estar sucedendo. E non é un caso unicamente ibérico. Limitareime aquí a destacar nomes como os de Juan Linz, Steven Levitsky, Daniel Ziblatt e Anne Applebaum, cos seus estudos sobre as debilidades da democracia e os perigos das condutas autoritarias.

No seu clásico A creba das democracias (1978), Linz outorga á actitude da clase política a clave para apuntalar a democracia ou ben contribuír a degradala. Mais recentemente, Levitsky e Ziblatt en Como morren as democracias (2018) advírtennos dos indicadores clave que ilustran un comportamento autoritario no seo do sistema democrático. Un deles é significativo porque dalgún xeito asómase na España actual: a tolerancia ao discurso e as actitudes violentas.

“No seu clásico ‘A creba das democracias’ (1978), Linz outorga á actitude da clase política a clave para apuntalar a democracia ou ben contribuír a degradala”

Pola súa banda, en O declive das democracias e a tentación autoritaria, Applebaum repasa como os populistas e demagogos medran nas democracias representativas en crise, incluso adicándolle un apartado ao “fenómeno VOX” e o seu impulso vía redes sociais.

No caso español, os síntomas comezan a ser preocupantes cando vemos a unha popular youtuber afirmar sen tapuxos que “hai que comprar armas”, que aos de VOX “hai que matalos” e que “matar ás veces é necesario”. É preocupante cando xa no 2020 vimos un vídeo dun ex militar disparando contra fotos dos membros do goberno de coalición. Segue a ser inquietante cando escoitamos a un líder político anunciar un “outono quente”; ou cando vemos publicado un artigo dun ex vicepresidente de goberno no que se ilustra unha pistola cos logos do PP e de VOX. E tamén nas manifestacións “neonazis” con proclamas homófobas no madrileño barrio de Chueca.

Incluso é preocupante para a memoria histórica cando vemos pancartas de loas a Stalin en sés municipais ou rúas e prazas adicadas a nomes franquistas. Tamén nas cada vez más prolíficas referencias públicas que se fan ao “comunismo” e o “fascismo”. Cando observamos todo isto, aínda que sexa de xeito simbólico, parecera que estamos asumindo certa “normalización” da mensaxe e da apoloxía á violencia política.

Baixo estes parámetros, como podemos cualificar á actual democracia española? Con matices moi grises. Hai calidade no debate político? Pouco, para ser sinceros. Hai un preocupante retorno (incluso nostálxico) cara o discurso da violencia e do autoritarismo? Vai cobrando forma cada vez mais. Son equilibrados os medios de comunicación? Pouco menos, parecen ser correas de transmisión desas mensaxes de confrontación.

“Os partidos políticos e as institucións, teñen capacidade para manter o compromiso democrático e acadar consensos en pro do ben xeral?”

Os partidos políticos e as institucións, teñen capacidade para manter o compromiso democrático e acadar consensos en pro do ben xeral? Dependerá das elites e institucións. Qué intereses hai detrás destes mensaxes violentas, das posturas populistas e demagogas, da nostalxia autoritaria? Intereses partidistas e económicos, onde a cordura precisamente comeza a escasear no debate político. No seu libro sobre a “tentación autoritaria” publicado en 1976, Jean François Revel xa advertía sobre estes síntomas nas consideradas democracias máis avanzadas.

Comeza, si, o ano político 2021-2022. Pero nesta nova etapa, ten boa saúde a democracia española?

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.